Escoitar

O Cuarteto Caramuxo e Mónica de Nut chegan ao Auditorio Municipal con Vigo é música

O próximo 25 de febreiro ás 20,00 h comezará no Auditorio Municipal o espectáculo do Cuarteto Caramuxo, Vigo é musica, un repaso polas cancións máis representativas da cidade desde o século XVIII ata a actualidade. Este concerto, que contará coa voz da viguesa Mónica de Nut, esta organizado pola Fundación Vigueses Distinguidos, baixo patrocinio municipal.

venres, 20 feb 2015
1424450085caramuxos.JPG
Vigo é música chegará ao Auditorio Municipal o próximo mércores 25 de febreiro da man do Cuarteto Caramuxo, quen estará acompañado da cantante viguesa Mónica de Nut. Segundo explicou hoxe o rexedor en rolda de prensa, trátase dun concerto que percorrerá as cancións máis representativas de Vigo desde o século XVIII ata a actualidade. Organizado pola Fundación Vigueses Distinguidos e co patrocinio do Concello, a entrada será de balde e o espectáculo comezará ás 20,00 horas.

O Cuarteto Caramuxo, tal e como explicou Fernando Abreu -un dos seus membros-, reinterpretará, coas súas versións, melodías medievais, pop ou ritmos latinos da música viguesa. Desde as Cantigas de Martín Códax, pasando polo Para Vigo me Voy de Compay Segundo, ata M-Clan ou Siniestro Total. Outro dos atractivos do espectáculo será o estreo dunha canción adicada a Vigo, composta polo Cuarteto, baseándose nun poema de Modesto Hermida. A coidada posta en escea e un aire festivo do que se contaxiará o público conseguirán que, máis que un concerto tradicional, sexa un espectáculo case teatral.

Na rolda de prensa de presentación, ademáis do representante do Cuarteto, estiveron presentes o presidente e o vicepresidente da Fundación Vigueses Distinguidos, Luis Espada e Antón Pulido, respectivamente.
Descargar todas as imaxes