Escoitar

A Corporación solicita do goberno local a recuperación do programa "Noites Vivas"

O Pleno celebrado este luns debatiu sobre a recuperación por parte do Concello do programa "Noites Vivas", creado no 2000 e cancelado no ano 2008, dirixido á xuventude. A maioría dos concelleiros propuxeron esta mañá a súa recuperación, mais actualizado ás necesidades actuais da mocidade viguesa.

luns, 23 feb 2015
A moción foi presentada polo Partido Popular, subliñando o "notable éxito de participación e moi boa acollida" durante os oito anos no que se mantivo vixente.

O grupo nacionalista propuxo unha enmenda de engádega, aceptada polos corporativos, na que se insta ao goberno de Vigo á reapertura do Súbete ao Castro, á descentralización dos servizos de información xuvenil para achegalos aos barrios da cidade e á creación dun recinto cuberto adicado a deportes urbanos.

Neste sentido, a Corporación Municipal -cos votos do PP e do BNG e a absteción socialista- apoiou a recuperación do programa "Noites Vivas" e a súa actualización ás necesidades da mocidade do 2015.

Escaleiras mecánicas
O Pleno tamén debatiu e aprobou esta mañá unha moción na que se solicita á administración local a adaptar a escaleira mecánica recentemente aberta na céntrica rúa II República para que poida ser empregada por persoas con mobilidade reducida. O goberno de Vigo explicou que tecnicamente, debido á pendente que salvan, non é posible a súa adaptación.