Escoitar

O Concello entrega material didáctico ao colexio Sárdoma-Moledo pola súa participación nun proxecto europeo de eficiencia enerxética

O alcalde acudiu este martes ao colexio Sárdoma-Moledo, un dos tres centros vigueses participantes nesta iniciativa -vencellada ás Smart Cities- que ten como obxectivo reducir un 20% o gasto enerxético. O proxecto desenvólvese en Vigo e en Nantes e as conclusións do experimento serán distribuidas en Europa.

luns, 15 abr 2013
1366026829Sardoma.JPG
Abel Caballero acudiu este luns ao centro Sárdoma-Moledo para facer entrega de tres proxectores e pantallas, cun prezo estimado de mil euros, pola "participación activa" do colexio, profesores e alumnado, nun proxecto europeo de eficiencia enerxética.

O centro participa nesta iniciativa a través de FAIMEVI, a Axencia Municipal de Enerxía, e xunto a catro entidades francesas, para sensibilizar sobre a eficiencia enerxética e reducir o consumo.

Cun importe total dun millón de euros, dos que 200.000 proceden da Axencia presidida polo alcalde, esta iniciativa se implementa desde 2011 en distintos centros de Vigo e Nantes (Francia) coa finalidade de implicar ao profesorado e alumnado no aforro de enerxía eléctrica, térmica e de auga.

En Vigo participan o colexios Párroco Don Camilo, Mosteiro Bembrive e Sárdoma-Moledo, ademais do VERBUM e de dous centros deportivos dependentes da Universidade de Vigo. Nestes recintos se instalaron sensores e ordenadores para monitorizar o consumo enerxético, coa participación activa de alumnos e mestres para tratar de reducir o gasto nun 20%. Nunha competición de carácter simbólico, sen gañadores nin perdedores, cruzaranse os rexistros obtidos polos edificios franceses e vigueses.

Os colexios participantes neste proxecto vencellado ás Smart Cities -cidades intelixentes- reciben material didáctico. En setembro, ao remate do mesmo, elaboraranse unhas conclusións, recomendacións e medidas a implementar que serán distribuidos en Europa.
Descargar todas as imaxes