Escoitar

O goberno local someterá a aprobación inicial o proxecto urbanístico do Barrio do Cura

O alcalde indicou hoxe luns que a próxima sesión da Xerencia de Urbanismo votará o próximo venres a aprobación inicial do Plan Especial de Reforma Interior (PERI) do Barrio do Cura. A proposta, que conta cos informes técnicos favorables, reserva o 29% do total de vivendas a construir -entre 300 e 400- para pisos de protección.

luns, 15 abr 2013
1366026743alcalde2.jpg
Abel Caballero informou este luns que a sesión do venres do Consello da Xerencia municipal de Urbanismo someterá a votación a aprobación inicial do PERI do Barrio do Cura, tras "case dez anos de tramitación".

O alcalde, quen confia na aprobación inicial do proxecto, avanzou que, de producirse, a Xunta de Goberno Local o aprobaría, sairía a exposición pública e a Xunta de Galicia emitiría o seu informe sectorial, antes de que o Pleno da Corporación eventualmente o ratificase definitivamente. "Cremos que se a Xunta opera con dilixencia técnica, no prazo dun ano poderíamos ter a aprobación definitiva e iniciar as obras", afirmou.

Caballero explicou que a proposta urbanística conta con "todos os informes técnicos favorables" pola parte municipal, despois de que os técnicos do Concello obrigasen á promoción a introducir "reformas técnicas para cumprir con todos os requisitos que a legalidade e a conveniencia da cidade marcan". O rexedor concluíu sobre o documento do Barrio do Cura que "neste momento cumpre cos requisitos urbanísticos, económicos, de infraestruturas, de mobilidade e medioambientais".

O primeiro edil detallou que o PERI inclúe un parque de máis de 5.000 metros cadrados de superficie, unha praza pública de extensión similar, 1.200 prazas de aparcamento, unha escola infantil e un centro sociocultural. O proxecto debuxa un novo vial que una Torrecedeira co Paseo de Alfonso, zonas peonís, escaleiras mecánicas e elevadores.

Abel Caballero subliñou que o 29% do total de vivendas a construir no ámbito, cifradas polo rexedor entre 300 e 400, serán pisos de protección oficial e recordou que, á súa chegada ao goberno local, o Plan Xeral non incluía ningunha vivenda protexida.
Descargar todas as imaxes