Escoitar

APROBACIÓN INICIAL DO PLAN ESPECIAL DE PROTECCIÓN E ACONDICIONAMENTO MONTE DA MINA

venres, 12 abr 2013
A Xunta de Goberno Local do Excmo. Concello de Vigo, na sesión ordinaria do 15 de marzo de 2013, adoptou o seguinte acordo:

PRIMEIRO: Aprobar inicialmente o «Plan Especial de Protección e Mellora do Monte da Mina», elaborado pola Oficina de Planeamento – Xestión en febreiro de 2013, en cumprimento da Resolución da Concelleira delegada de Cascos Históricos, Urbanismo e Grandes Proxectos de día 01.03.2012.

SEGUNDO: Abrir un trámite de información pública polo prazo dun mes mediante anuncio que se publicará no DOG e en dous dos periódicos de maior difusión na provincia, notificar individualmente o presente acordo a todos os titulares dos terreos afectados que figuren no catastro e recabar os informes sectoriais que procedan.

TERCEIRO: Publicar o presente acordo na páxina web do Concello de Vigo xunto coa documentación técnica conformante do «Plan Especial de Protección e Mellora do Monte da Mina».

CUARTO: En aplicación do disposto no artigo 77.2 da LOUGA, a aprobación inicial do nomeado Plan Especial determina a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas no seu ámbito territorial cando novas determinacións que neste se recollan supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente, se ben poderán concederse aquelas licenzas baseadas no réxime vixente que respecten as determinacións do novo planeamento, en atención ao disposto no artigo 120.1 do RPU.

QUINTO: Dar traslado do presente acordo á Oficina de Licenzas, á Oficina de Patrimonio Histórico e á Área de Fomento. Así mesmo, dar traslado do presente acordo á Oficina de Montes, Parques e Xardíns, xunto con copia do nomeado Plan Especial.

SEXTO: Dar traslado do presente acordo, xunto cunha copia do nomeado Plan Especial, para maior publicidade e coñecemento do planeamento, á Asociación de Veciños de Castrelos e á Xunta de Montes de Castrelos.

Durante o período de exposición pública, o expediente atoparase a disposición do público en xeral, na páxina web do Concello de Vigo (www.vigo.org), así como no departamento municipal de Información da Xerencia de Urbanismo (sito na planta baixa do edificio da Xerencia de Urbanismo – Praza do Rei, s/n), de luns a venres, en horario de 9,00 a 13,30 horas, para a súa consulta e a presentación de cantos documentos ou escritos de alegacións estimen convenientes.