Escoitar

Abel Caballero afirma que Vigo ten "a presión fiscal máis baixa das cidades galegas"

O alcalde informou hoxe luns de que a presión fiscal en Vigo, atendendo aos ingresos municipais, é de 741 euros por persoa, un 24% menos que en A Coruña e un 38% inferior á de Santiago. O Concello pechou 2012 cun 2% de superávit e cunha presión fiscal un punto inferior ao do ano anterior.

luns, 4 mar 2013
1362401290alcalde4.jpg
"A presión fiscal caeu en Vigo no último ano case un punto", indicou Abel Caballero hoxe luns ante os medios de comunicación, pois o goberno local aplicou a "algunhas taxas e impostos" un 2,1% do IPC de abril cando o índice anual acadou o 3%. O alcalde recordou que o goberno local non aplicou ningunha suba ás tarifas municipais do autobús urbano e da auga.

O socialista detallou que, en base aos ingresos dos concellos, a presión fiscal de Vigo é de 741 euros por habitante, en Pontevedra é un 4% máis, na Coruña un 24% superior, un 26% en Lugo, un 30% en Ourense e un 38% máis en Santiago de Compostela. Por outra banda, Caballero indicou que o Imposto de Bens Inmobles (IBI) en Vigo ascende a 312 euros, polos 342 de Coruña e os 463 da capital de Galicia.

O alcalde engade á "capacidade de manter unha certamente baixa presión fiscal" de Vigo as "elevadas" bonificacións e exencións fiscais que aplica o Concello de Vigo e a conxelación dos prezos para as escolas municipais -infantís, musicais...-. Ademais, o goberno de Vigo pechou 2012 cun superávit do 2% e un endebedamento de 24,9%, datos que falan da "solidez financeira" do Concello e fan posible afrontar os próximos orzamentos municipais cunha "razoable tranquilidade", segundo Caballero.
Descargar todas as imaxes