Escoitar

Vigo, capital do Rexurdimento co maratón de actos polo 150 aniversario de "Cantares Gallegos"

O alcalde, Abel Caballero, e a concelleira de Normalización Lingüística, Isaura Abelairas, presentaron este luns o maratón de actos que organiza o Concello para conmemorar a publicación, o 17 de maio de 1863, do "Cantares Gallegos" de Rosalía de Castro nunha imprenta da rúa Real.

luns, 4 mar 2013
1362399344rosalia.JPG
O maratón de actos "Alumea a túa Lingua" programado polo Concello de Vigo, en colaboración con numerosas entidades da cidade, deu comezo o pasado 22 de febreiro e rematará o 17 de maio -día da publicación de "Cantares Gallegos" en 1863 e Día das Letras Galegas-, un total de 42 días de actividades en 42 puntos da cidade.

O alcalde, Abel Caballero, explicou que a ilustre obra de Rosalía de Castro, publicada na imprenta Juan Compañel da rúa Real, converteu entón a Vigo na "capital" do Rexurdimento e hoxe en epicentro das celebracións conmemorativas do 150 aniversario. Un facho, símbolo da maratón e da luz que representou "Cantares Gallegos" á literatura galega, foi acendido hoxe na presentación desta programación.

O goberno local organiza accións para os máis pequenos -contacontos, teatro...-, regueifas, foliadas, concertos, recitais poéticos, camiñadas polo Vigo do Rexurdimento, conferencias e mesas redondas, coa cooperación de numerosas entidades deportivas, culturais, veciñais, educativas, restaurantes, empresas, comercios, etc, aos que Abel Caballero agradeceu a súa colaboración.

O Concello de Vigo, a través dos departamentos de Cultura, Normalización Lingüística e Educación, adquirirán 7.000 exemplares dunha nova edición revisada da obra de Rosalía e unha guía do profesorado para distribuir nos centros públicos para o alumnado de 3º e 4º da ESO.
Descargar todas as imaxes

Máis información