Escoitar

O alcalde avanza un "gran plan" de acción para a mocidade con emprego, ocio e vivenda

O rexedor anunciou hoxe venres a "inmiente" presentación dun "gran" plan de actuación integral para a mocidade. Tal e como explicou, incluirá vivenda, emprego, deporte, ocio e cultura, entre outros aspectos.

venres, 1 mar 2013
A mocidade de Vigo contará en breve cun "gran" plan integral que incluirá vivenda, emprego, ocio ou deporte, segundo avanzou hoxe venres Abel Caballero durante unha rolda de prensa na que deu conta da aprobación do expediente de contratación para a prestación do Servizo de Información Xuvenil por un importe de preto de 900.000 euros. A duración do contrato será de 4 anos e nel unifícanse a xestión da Casa da Xuventude e o Punto Xove (rúa López de Neira). Esta variación das bases permitirá gañar en operatividade ao ter un só interlocutor así como aforrar 30.000 euros ao ano. Os servizos municipais de xuventude contan con 6 persoas facilitando información, organizan exposicións, cursos, ordenadores, entre outros.

Asimesmo, a Xunta de Goberno Local deu luz verde ás bases reguladoras e convocatoria específica de subvencións de Igualdade. Os destinatarios destas achegas son, dixo o alcalde, colectivos sen ánimo de lucro que fomenten o asociacionismo feminino, a promoción da muller e a loita contra a violencia de xénero.