Escoitar

O Concello colabora na difusión de A Sega, unha plataforma de crítica literaria feminista

A Sega é o nome da plataforma literaria de crítica feminista que presentaron hoxe xoves a concelleira de Igualdade, Isaura Abelarias, e as escritoras María Reimóndez e Susana Sánchez Arines. O Centro de Recursos Feministas recepcionará as obras que envíen as editoras para que as críticas as poidan recoller e albergarán as doazóns das obras que as editoriais envíen para recensionar.

xoves, 28 feb 2013
1362069105isaura.jpg
A concelleira de Igualdade, Isaura Abelarias, presentou hoxe xoves unha plataforma de crítica literaria feminista que ten por obxectivo, entre outros, visibilizar a literatura escrita por mulleres. Acompañada polas impulsoras do proxecto, as escritoras María Reimóndez e Susana Sánchez Arines, Abelairas amosou a súa satisfacción porque o Concello poida colaborar nunha iniciativa como A Sega. Tal e como explicou Reimóndez, trátase de ocupar un oco detectado no sistema literario galego no que as mulleres aínda non son visibles a pesar de ser cada vez máis. Na súa opinión, ás mulleres literarias pásalles o mesmo que aquelas que facían as recolleitas no campo: non se lles ve, e de aí o nome do proxecto.

Reimóndez agradeceu que o Centro de Recursos Feministas recepcione as obras que envíen as editoras para que as críticas as poidan recoller e avanzou que esta entidade municipal recibirá, ademais, as doazóns das obras que as editoriais envíen para recensionar e que encaixen no marco do Centro. De momento, esta plataforma está formada por outras tres escritoras: Andrea Núñez, Beatriz Suárez Briones, Gala Rozadas e, próximamente incorporarase Marga do Val. A dirección web é a seguinte: www.asega-critica.net.
Descargar todas as imaxes