Escoitar

O goberno local aproba un ámbito urbanístico en Castrelos con 799 vivendas, 255 protexidas

O alcalde deu conta dos asuntos abordados pola Xerencia de Urbanismo deste venres, entre os que se atopa a aprobación definitiva do plan parcial de Falcoa, en Castrelos, de 127.000 metros cadrados. Caballero salientou a "parte importante de zona verde" reservada no ámbito, superior aos 17.000 m2.

venres, 8 feb 2013
1360327973Imagen010.jpg
Abel Caballero explicou que o plan parcial de Falcoa ten uso residencial e é de iniciativa pública, co que correspóndelle ao Concello a promoción do devandito planeamento.

A superficie total do ámbito supera os 127.000 metros cadrados, cunha edificabilidade máxima de 74.000 para uso residencial. Dentro da superficie para vivenda colectiva, o plan parcial prevé máis de 28.000 metros cadrados para pisos de protección pública. En total, Falcoa acollerá 544 vivendas libres e 255 protexidas. Tal e como explicou Abel Caballero, o desenvolvemento deste ámbito urbanístico posibilitará "unha gran recuperación para a cidade" cunha "parte importante de zona verde", máis de 17.000 metros cadrados.

Unha vez aprobado pola Xerencia de Urbanismo, a tramitación deste ámbito levarao ao Pleno da Corporación, previo ao seu envío á Consellería de Medioambiente da Xunta de Galicia e publicación no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da Provincia.

Licenzas
Abel Caballero tamén informou das autorizacións concedidas esta semana, 14 de obra e 7 de actividade para un investimento total próximo aos dous millóns de euros. O rexedor singularizou a de obra e actividade recibida por unha empresa para levar adiante un ximnasio en María Berdiales de case 3.000 metros cadrados de superficie.
Descargar todas as imaxes