Escoitar

O Auditorio acolle unha proposta novidosa para achegar a música ao público familiar

FamiliArte chegará ao Auditorio do Concello na tarde do sábado, 16 de febreiro, con actuacións de Fon Román e Cé Orquestra Pantasma, ademais de obradoiros de radio de drawdios -un xoguete para debuxar música cun lapis-, co obxectivo de crear unha experiencia interactiva para pais e fillos coa música como fío condutor.

xoves, 7 feb 2013
1360242558familiarte.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e Joaquín Martínez "Kin" en representación da organizadora, Esmerarte, presentaron este xoves esta novidosa proposta para o público familiar. FamiliArte é un ciclo de programación para que maiores e pequenos gocen dunha experiencia interactiva coa música como fío condutor.

Segundo explicaron na rolda de prensa desta mañá, a primeira edición desta iniciativa terá lugar o sábado, 16 de febreiro, no Auditorio municipal do Concello, desde as 16:30 horas, con entradas á venda por sete euros. FamiliArte procura, con xente de Vigo, "achegar a música dos maiores aos máis pequenos", como pon de manifesto a presencia do ex Los Piratas, Fon Román, e de César Freiría, o "home orquestra" detrás de Cé Orquestra Pantasma.

Xunto aos concertos, a organización realiza dous obradoiros igualmente vencellados co son, un en colaboración con RadioVigo para espertar o interese dos pequenos con accións radiofónicas como entrevistas ou spots, e un segundo chamado drawdios -a cargo de María Roja-, un xogo baseado nun lapis que permite debuxar música.

O alcalde, Abel Caballero, subliñou o caracter novidoso desta proposta dirixida ás familias e felicitou a Esmerarte por levala adiante. "Kin", pola súa parte, agradeceu o apoio do Concello e avogou por facer desta primeira edición un "éxito" que consolide o proxecto vigués de FamiliArte.
Descargar todas as imaxes

Máis información