Escoitar

"100x100 Coiro", exposición na Escola Municipal de Artes e Oficios

A Sala de exposicións de Artes e Oficios acolle do 8 de febreiro ao 22 de marzo de 2013 unha mostra baixo o título 100x100 Coiro, que exhíbe o pasado e o presente das ensinanzas deste oficio artesán na Escola viguesa, e tamén o futuro dos traballos en coiro, coa achega de obras de artesáns españois e internacionais que conxugan tradición e innovación.<br />

xoves, 7 feb 2013
1360234309coiro.jpg
A Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo é un referente en España no traballo do coiro, xa dende que, a finais dos anos corenta do século pasado, se comeza a impartir aquí a especialidade de Repuxado en Metais e Coiro. Aquela tradición, continuada no tempo, segue a ter hoxe nesta Escola, no Obradoiro de Artesanía en Coiro, un lugar de conservación e innovación no traballo neste material.

Dentro da programación para o ano 2013 da Sala de exposicións desta Escola, o Espazo EMAO, baixo o título 100x100 Coiro, exhíbese unha mostra de traballos realizados, con distintas técnicas, por destacados artesáns procedentes de Galicia, Castela, Catalunya, Madrid, Baleares, Andalucía e Madrid, e a participación, tamén, de tres artesáns estranxeiros de Portugal e Bulgaria. Dende todos eses lugares chegan á nosa escola, para amosar as súas obras, primeiras liñas en cada unha das súas técnicas e destrezas.

Nesta exposición está representado o pasado e o presente das ensinanzas deste oficio artesán na Escola de Artes viguesa, e tamén o futuro dos traballos en coiro, coa achega de obras de artesáns españois e internacionais que conxugan tradición e innovación.

Do pasado, o noso referente no que respecta á conservación das técnicas, salienta o traballo de tres mulleres: Andrea, Mercedes e Virginia, que durante moitos anos mantiveron, como mestras nesta Escola, o repuxado en coiro, facendo do noso Centro unha reserva desta técnica. A achega representativa desta época vén da man das pezas elaboradas por unha das primeiras alumnas desta Escola –nai, ademais, dunha alumna actual-- e por ferramentas e documentación dese momento inicial da formación.

O presente, está representado en 100x100 coiro, polos traballos tanto de alumnado actual como xa egresado; tamén se amosan pezas elaboradas por obradoiros artesáns xurdidos da formación impartida no vello edificio de García Barbón e que hoxe, co seu traballo profesional, danlle tamén proxección a esta, debedores como son da formación e conservación das técnicas impartidas pola Escola Municipal de Artes e Oficios viguesa.

O futuro quere estar representado nesta mostra, no traballo de artesáns de primeira liña que, mesturando a tradición e a innovación, fan do coiro un oficio de mañá.

Con esta exposición quérese facer partícipe ao público do labor de conservación, formación e innovación na especialidade de Artesanía en Coiro da xa centenaria Escola de Artes e Oficios de Vigo. Pretendemos que poida recoñecer o coiro como un material que serve máis alá que de soporte dun moedeiro ou dunha carteira: que o límite no traballo neste material está na imaxinación da persoa que o traballa, no agarimo co que o trata e o respecto á súa nobreza.

No século que vivimos, esta mostra representa tamén a idea de Escola 2.0: o contacto cos artesáns xorde da nosa amizade en Facebook e da difusión e coñecemento do noso blog; é a través das redes sociais que puidemos poñer no seu coñecemento e compartir a historia da Escola e o traballo na nosa especialidade. Un contacto que nos permite hoxe exhibir en Vigo as obras de parte dos nosos amigos, coñecer de primeira man as súas técnicas e compartir e aprender con eles o futuro deste oficio.

Finesse, delicadeza, ese era o consello que Al Stohlman lle daba a cada un dos seus aprendices. Delicadeza, agarimo, repecto, son as ferramentas que cada día centos de artesáns seguen empregando para que cada una das pezas que fan realidade conteña estes sentimentos. Así o sentimos cando o cortamos, o cosemos ou o transformamos con calquera das técnicas do oficio.

Os antigos oficios do coiro mantéñense, transfórmanse ou se modernizan, pero a materia é a mesma, non cambiou, e ofrécesenos con infinidade de posibilidades: o repuxado, o labrado, o estampado, o modelado, o trenzado… técnicas milenarias que non cambian nas mans dos que hoxe as traballan e innovan.
Descargar todas as imaxes