Escoitar

Nova exposición na sala da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

"O cadro colga da parede coma unha arma de caza ou un sombreiro" é a nova exposición que se pode visitar no Espazo EMAO do 30 de novembro de 2012 ate 18 de xaneiro de 2013. Trátase dun proxecto de Ania González coa colaboración de escoitar e Tayone.

venres, 30 nov 2012
1354278723emao1.jpg
"O cadro colga da parede coma unha arma de caza ou un sombreiro". A partir desta frase pertencente ao texto de Martín Heidegger A orixe da obra de arte, este proxecto pretende averiguar, a través dunha montaxe expositiva, canto de cousa hai nun obxecto artístico e canto de obxecto artístico hai nunha cousa.

Elixiuse este texto polo que representa como base dunha reflexión aínda hoxe activa: ¿Qué é o que diferencia as obras de arte dos obxectos útiles?. Esta cuestión, que se atopa mesmo na fundación da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo a finais do século dezanove e no propio xurdimento do movemento "Arts and Crafts," (Artes e Oficios) en Inglaterra, polas mesmas datas, supón, ademais, unha magnífica ocasión para recurrir a un exercicio de interpretación textual que nos sirva de guía e acompañamento na experiencia estética e pedagóxica que nos ofrecen os utensilios e as obras que xorden dos diferentes procesos de traballo que se dan nas aulas da nosa Escola.

Tomando coma punto de partida os conceptos de Mestre e de Arte preséntase de forma visual e sonora o espazo da Escola de Artes e Oficios, no que ambos se atopan, coma o lugar onde se producen obras que tratan de ocuparse de cuestións coma a beleza e a trampa simbólica e utensilios que han de ser útiles, sólidos e fiables ademáis de fermosos.

Esta montaxe pretende visibilizar cómo esta división de ordes no eido artístico dá lugar á diferenciación entre Arte e Artesanía e por ende ao reparto de materias impartidas na Escola, aínda que tanto as obras producidas polas Belas Artes coma os utensilios producidos polos Oficios Artísticos comparten a mesma cualidade: a de ser, ambas, Cousas (unha materia que se mantén cunha forma), implicadas todas elas na mesma medida, con nós, na construcción de mundo e ás que só o seu valor simbólico convírteas en suxeitos da Arte capaces, xa non só de construir, senón de abrir mundo, ante nós.

A montaxe expositiva acompáñase dun proxecto editorial e varias sesións de discusión con persoeiros do eido profesional do Deseño, a Filosofía e a Arte Contemporánea que se presentarán durante a inauguración. Espazo EMAO/Sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.
Descargar todas as imaxes