Escoitar

O alcalde anuncia a Gala do Deporte de Vigo, o día 19, e a súa comarca como "unha gran homenaxe aos miles de practicantes"

A Gran Gala do Deporte de Vigo e a súa comarca, que premia aos e ás mellores de 2011, ten data e lugar. Será o xoves 19 de abril ás 20:00 horas no Centro Cultural Novacaixagalicia, o escenario tradicional dende a segunda edición e que este ano chega á número 13.

mércores, 11 abr 2012
1334148761deportes.jpg
Trinta e dous nomeados en categoría absoluta (24 homes e 8 mulleres) e vinte na promesa (once mozos e nove mozas) aspiran a sumarse a un palmarés que en 2011 gañaron Miguel Romero (judo) e Andrea Rica (taekwondo), dúas disciplinas olímpicas e de artes marciais en categoría absoluta e Jorge Casales (motociclismo) e Lara Lagoa (vea) en promesa.

"Esta gala premia o traballo dos mellores", sinalou o alcalde da cidade na rolda de prensa de presentación do evento, na que estivo acompañado polo xerente de Faro de Vigo, Jaime Abella, o director territorial para Pontevedra de Novagalicia Banco, José Manuel Fernández, e polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández.

As federacións deportivas apostaron por unha serie de nomes e o xurado (que preside o concelleiro Manel Fernández e que conta con representación dos dous patrocinadores privados e dos grupos municipais da Corporación viguesa), reunido o pasado día 20, estudou todos os nomeamentos. Os catro gañadores desvelaranse no trancurso da gala. "É máis que unha simple reunión", explicou Caballero, "é unha homenaxe e un recoñecemento que a cidade fai a tantos centos e miles de deportistas que practican deporte". O rexedor socialista. sostivo que "estamos comprobando como o número de persoas que practican deporte crece sen parar" e puxo de exemplo as carreiras populares, "que en catro anos case duplicaron o número de participantes". O alcalde entende que este acto é "unha gran homenaxe aos miles de deportistas do Gran Vigo", pero tampouco se esqueceu de que esta gala premia "a todo o armazón, a empresas, a directivos e a clubs. Vigo está sendo capaz de ir elaborando diferentes nomes, cidade da economía, da cultura... e somos e cada vez queremos ser máis a cidade do deporte".

Abel Caballero fixo referencia á "participación tradicional e a soleira" dos outros patrocinadores do evento, "que amosa a dimensión e o gran apoio social e institucional que ten o deporte en Vigo". O alcalde asegurou que o 2011 "foi un magnífico ano para o deporte en Vigo polo incremento masivo da cidadanía nos eventos, polas competicións en si e porque nos estamos defendendo con maior ou menor dificultade". De feito, insistiu en tono humorístico que "canto máis dura é a crise mellor nos vai".

O xerente de "Faro", Jaime Abella, afirmou que esta gala "homenaxea e pon en valor ao deporte base de Vigo e aos seus deportistas. Somos meras testemuñas e queremos que sexa unha gala moi potente na que ofrezamos tributo a todos os deportistas".

Pola súa banda, o representante de Novagalicia manifestou que manter este tipo de tradicións "encaixa coa filosofía do banco, que ten alma de caixa". Segundo el, "hai moita xente traballando e pondo diñeiro nun labor xordo e este é o seu momento", dixo. Fernández insistiu ademais na bondade do deporte: "É o complemento ideal na educación, axúdache a entender o que é o esforzo e a disciplina".

Entre os nomeados para esta edición figuran catro gañadores do premio absoluto, Miguel Romero (2011), Chano Rodríguez (2001, 2004 e 2009), Gony Zubizarreta (2002) e Begoña Fernández (2008 e 2009). Ademais, Jorge Casales, mellor promesa do ano pasado, figura entre os candidatos este ano ao premio absoluto masculino.
Descargar todas as imaxes