O alcalde ve un dano "significativo" no colector de augas residuais que provocou o verquido de Bouzas

Un accidente nas obras do Paseo de Bouzas acometidas polo Ministerio de Medio Ambiente provocou un dano "significativo" na condución que leva as augas residuais dunha parte da cidade á depuradora. O incidente rexistrouse en torno ás 13,00 horas de onte, luns, ao final do Paseo Paz Andrade e, segundo explicou o rexedor o frío impediu o secado da fisura polo que a reparación non será realidade ata primeiras horas desta tarde.

martes, 20 mar 2012
Unhas obras acometidas no Paseo Paz Andrade pola dirección xeral de Costas, do Ministerio de Medio Ambiente, orixinaron onte, luns, a rotura da condución que leva as augas residuais dunha parte da cidade á depuradora. Segundo explicou hoxe martes o rexedor, no momento no que se rompeu a tubería, pechouse a condución no tramo anterior, polo que a mesma tubería pasou a facer de depósito de residuais. O alcalde, quen expresou a súa satisfacción con que se estén a desenvolver estas obras na cidade, amosou tamén confianza en que a "avería quedara reparada a primeira hora da tarde", a pesares das dificultades técnicas acrecentadas polo frío "posto que o secado require calor e houbo que colocar estufas".

Respecto á evolución dos efectos do accidente, apuntou que no momento no que a condución "entrau en carga empezou a aliviar por distintos puntos da cidade como a rúa Coruña, Julián Estévez, Isaac Peral, República Arxentina e Bouzas. Unha vez que se rexistrou a rotura, acudiron inspectores e técnicos municipais, xunto con axentes da Policía Local e persoal de Aqualia, quen procedeu ao peche do emisario para poder traballar na subsanación da avería.