Escoitar

Caballero solicita á Xunta medidas para acadar o "máximo acopio" de auga nos encoros vigueses

Nunha visita este luns ao encoro de Zamáns, o alcalde explicou que os meteorólogos ofrecen "perspectivas moi complicadas" para os próximos meses polo que avoga por ver co conselleiro de Medioambiente medidas para conseguir o "máximo acopio" de auga. Eiras atópase actualmente ao 79,7% da súa capacidade, cando nestas datas en 2011 estaba ao 100%. "Temos que estar preparados", asegurou Caballero.

luns, 19 mar 2012
1332162212zamans.jpg
O rexedor vigués informou que actualmente estamos atravesando un periodo importante de seca que situou o volume de auga embalsada nos encoros vigueses por debaixo dos niveis do pasado ano. Segundo apuntou, Zamáns está ao 88% e Eiras -o máis relevante para o abastecemento vigués- atópase ao 79,7% cando hai doce meses estaba no 100%.

As "perspectivas" para os próximos meses son "complicadas" no tocante ás precipitacións, polo que "temos que estar preparados" para garantir o servizo. Caballero solicitou ao conselleiro de Infraestruturas e Medioambiente, Agustín Hernández, unha reunión para abordar conxuntamente medidas como que o goberno autonómico constrúa unha condución de auga desde a parte alta do río Verdugo ata Eiras -atendendo ás súas competencias- e estudar os caudais dos ríos para conseguir "o máximo acopio".

O alcalde fixo estas declaracións durante unha visita aos traballos de reforma realizados polo Concello no encoro de Zamáns, con reparacións nas comportas e na estrutura superior de soporte das mesmas para mellorar as condicións e evitar fugas de auga, cun investimento próximo aos 100.000 euros. Esta obra é "mostra da nosa preocupación polo mantemento da auga", afirmou.

Albergue
Abel Caballero informou hoxe luns que o Concello ven de prorrogar o dispositivo de emerxencia do frío para os chamados "sen teito", un albergue provisional que continuará aberto ata que sexa adxudicada a xestión do definitivo.

Tal e como explicou o alcalde, o centro de Marqués de Valterra permanecerá operativo ata rematar o prego de condicións para licitar, tras aprobar os orzamentos municipais de 2012, a xestión a unha entidade, preferiblemente sen ánimo de lucro. "Nunca máis vaise pechar" o albergue, concluíu.
Descargar todas as imaxes