Escoitar

O Concello renderá unha homenaxe aos irmáns Veiga pola súa contribución á difusión do Medioambiente

O Centro Social de Novacaixagalicia acollerá mañá 13 de abril, ás 19:30 horas, un acto no que a Concellería de Medioambiente distinguirá o traballo dos espeleólogos vigueses, Constancio e Antonio Veiga, polo seu traballo a prol de divulgación no eido medioambiental. Chus Lago incidiu neste martes en que estas dúas persoas son as "grandes inspiradoras" do programa "Vigo, Camiño a Camiño".

martes, 12 abr 2011
1302611961medioambiente.JPG
A concelleira de Medioambiente, a socialista Chus Lago, anunciou na mañá deste martes o acto no que se renderá homenaxe aos espeleólogos vigueses que, durante anos, traballaron en covas e simas de Galicia e outras zonas da península. Tal e como lembrou a concelleira "estas dúas persoas son as grandes inspiradoras" do programa Camiño a Camiño, que semana tras semana percorre unha gran variedade de rutas tanto dentro coma fora do municipio.

O acto consistirá nunha charla-coloquio nomeada "Descubrindo as entrañas da terra" a cargo dos espeleólogos Francisco Martínez, Beatriz Bruna e José Higinio. A charla estará introducida pola concelleira quen dará a coñecer o traballo dos irmáns Veiga partindo dunha expedición emblemática, a que realizaron no ano 1954 as Covas do Rei Cintolo, en Mondoñedo. Precisamente o programa da concellería Vigo, Camiño a Camiño, levou nesta tempada a 120 cidadáns a esta cova para dar a coñecer a riqueza medioambiental da mesma.

Irmáns Veiga
Constancio e Antonio Veiga, coñecidos como os irmáns Veiga, son espeleólogos vigueses grazas aos que xeracións de persoas, tal e como destacou a socialista Chus Lago, espertaron o seu interese pola investigación espeleolóxica. Lago subliñou que "son as dúas persoas que máis saben e que máis documentación teñen sobre o Medioambiente, sobre a contorna de Vigo e Galicia".

A concellería entregaralles un galardón a Pablo Veiga, fillo do recentemente finado Constancio Veiga e a Antonio Veiga; galardón deseñado por Puri del Palacio que representa a un dos símbolos do municipio de Vigo, o Monte Galiñeiro.
Descargar todas as imaxes