Escoitar

O Auditorio Municipal acolle mañá martes o XV Festival dos Reencontros, gratuíto ata completar o aforo

O Auditorio Municipal continúa mañá, 12 de abril, coa programación estable de artes escénicas que organiza a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural. Trátase do XV Festival dos Reencontros, que a partir das 20.30 horas terá lugar baixo a dirección de Wenceslao Cabezas, Polo. A asistencia a este espectáculo é gratuíta ata completar o aforo.

luns, 11 abr 2011
O grupo, que hoxe é a principal agrupación da Escola Municipal de Danza, conta cunha longa traxectoria, xa que se fundou no ano 1939. Dende entón, as actuacións sucedéronse en practicamente todo o mundo, e nos anos 1978, 1981, 1985, 1987, 1991, 1994, e 1999 representou a Galicia no Festival Intercéltico de Lorient, mentres que no ano 1983 representou á cidade de Vigo con motivo do "irmanamento" entre as dúas cidades.

No mes de outubro de 1986, o grupo intégrase no Concello de Vigo, pasando a ser o grupo oficial da Escola Municipal de Danza, coa denominación de "O Tarabelo". Acompañado do grupo tradicional "Airiños do Parque de Castrelos", percorre numerosos escenarios. Dirixido dende o ano 1965 por Wenceslao Cabezas, máis coñecido por "Polo", que foi nomeado Vigués Distinguido no ano 1993, Medalla de Galicia no ano 1998, Medalla de Honra no ano 2002 e Medalla de Honra do Gaiteiro de Soutelo no ano 2003.