Escoitar

Igualdade destina 36.000 euros á renovación dos convenios coa Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos e Dorn

A concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, asinou este luns a renovación dos convenios de colaboración coa Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos e Dorna, entidades ás que se destinan un total de 36.000 euros. A concelleira nacionalista destacou a importancia de "manter o compromiso do Concello de Vigo coas asociacións que prestan o seu apoio ás mulleres", especialmente nun momento de crise como o actual.

luns, 11 abr 2011
1302523629Convenios.JPG
"As asociacións están sufrindo recortes e determinadas administracións apelan á austeridade para disfrazar os recortes aos movementos sociais", criticou Iolanda Veloso. A este respecto indicou que o prazo para optar ás axudas que convoca a Concellería de Igualdade, por un importe total de 90.000 euros, estará aberto ao longo deste mes de abril, polo que animounas a presentar as súas solicitudes.

Respecto a Dorna, a concelleira de Igualdade sinalou que é unha asociación de mulleres "moi ligada ao barrio de Coia", na que actualmente hai un "Punto informa" e un obradoiro literario. A súa responsable, Aurita González, agradeceu á Concellería de Igualdade a renovación do convenio, por un importe de 19.000 euros, xa que apuntou que Coia é un barrio "tocado polo paro e a marxinación" no que se reflicten especialmente as consecuencias da crise.

Segundo Iolanda Veloso, a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos "é unha referencia no asociacionismo contra a violencia", xa que leva 12 anos traballando neste eido. A súa portavoz, Rosa Fontaíña, agradeceu á concelleira de Igualdade e ao seu equipo "o traballo a prol da igualdade e contra a violencia de xénero", do que o convenio asinado hoxe, de 17.000 euros, é un exemplo. "No Concello de Vigo temos a sorte de ter unha Concellería de Igualdade que é consciente da repercusión da crise na discriminación das mulleres", asegurou.
Descargar todas as imaxes