Escoitar

O Auditorio Municipal propón un concerto conmemorativo de Noitarega e un espectáculo de maxia para este fin de semana

A programación que a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural organiza no Auditorio Municipal propón para este fin de semana dúas actuacións ben diferentes. Mañá, 9 de abril, celebrarase ás 21 horas un concerto de Noitarega, no que presentarán o repertorio do seu novo traballo "XXI". O domingo, ás 18 horas, terá lugar un espectáculo de maxia para todos os públicos a cargo do Mago Rafa. Para asistir ao concerto, o prezo das entradas é de 5 euros, mentres que para a función de maxia custan 3 euros para os nenos e nenas até 12 anos e 5 euros para os maiores; nos dous casos pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación.

venres, 8 abr 2011
Formado en 1989 Xosé Oliveira, Fernando Costas, Xosé María Gutiérrez e Manuel Alonso, Noitarega está considerado como un dos máis relevantes grupos da música tradicional galega. Precisamente, para conmemorar os seus 21 anos de existencia, "Noitarega" ofrece unha actuación para presentar "XXI", un disco que, fiel ao seu estilo, amosa a clara evolución da banda ao longo destes anos. Para esta presentación, unha veintena de artistas e amigos acompañarán ao grupo entre os que se atopan Anxo Pintos (Berrogüetto), Susana Seivane, Luís "O Caruncho" (Os Carunchos) ou Xaime Estévez (Os Terribles de Donas), O Fiadeiro (con Miguel Souto, María Prieto, Carmen Pérez e Berto Costas), Pandeireteiras Grialia (Laura Vila, Patri Sobreira e Sara Abalde), Coral Lago (Gaideón), a mezzosoprano Nuria Lorenzo (directora do Coro Universitario de Vigo) entre outros.

O Mago Rafa levará o domingo ao Auditorio Municipal o seu espectáculo "10 anos de momentos máxicos". Trátase dunha montaxe fresca e actual na que a maxia máis divertida se mestura coas técnicas máis clásicas para ofrecer unha actuación diferente na que a participación do público vai marcando o seu desenvolvemento. Barallas que se comen, panos que desaparecen, aneis que voan e ata un inexplicable número de escapismo, son tan só algúns dos ingredientes cos que se gozará ao longo de 80 minutos de enerxía máxica.