Escoitar

Caballero visitou a zona de corentena e os recintos para lobos, bóvidos e herbívoros de VigoZoo

O alcalde de Vigo -xunto á concelleira de Medioambiente, Chus Lago- visitou este luns o parque de VigoZoo, en particular as últimas instalacións en entrar en funcionamento: a zona de corentena, o espazo para os lobos e o recinto de bóvidos e herbívoros. Nestas tres melloras, o Concello investiu 370.000 euros. Caballero amosouse "satisfeito da actuación no zoo", que "cumpre ben o seu cometido" e subliñou o papel de recuperador de especies para a natureza.

luns, 11 abr 2011
1302523662zoo.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, visitou hoxe luns as últimas instalacións de VigoZoo en entrar en funcionamento: a zona de corentena e os recintos para lobos, bóvidos e herbívoros.

Sobre o espazo para os lobos, "unha antiga ambición do zoo de Vigo", Caballero explicou que o disposto na Madroa é un recinto "axeitado" que conlevou 200.000 euros de investimento e era un "gran obxectivo" da socialista Chus Lago como concelleira de Medioambiente e presidenta do organismo autónomo.

Apuntou o primeiro edil que a zona de corentena permitirá "ter a seguridade" de evitar eventuais contaxios de enfermidades a outros animais. Xunto ao lugar para bóvidos e herbívoros, o orzamento municipal nestas tres actuacións suman 370.000 euros.

Caballero valorou o traballo realizado nos últimos catro anos, con melloras "relevantes" como o acondicionamento do espazo para osos ou o Nocturama, que permite aos visitantes observar a actividade das especies nocturnas simulando a noite.

"Estamos moi satisfeitos da actuación no zoo", asegurou Caballero, porque antes "tiña dificultades" e hoxe "cumpre ben o seu cometido" e "empeza a ser un lugar" que xa non captura animais en liberdade para ser expostos, senón que recolle enfermos e os recupera para a natureza.

O alcalde vigués felicitou a "profesionalidade" do equipo humano que traballa en VigoZoo e eloxiou á concelleira de Medioambiente, Chus Lago, polo traballo realizado no parque de A Madroa.
Descargar todas as imaxes