venres, 15 abr 2011
Abel Caballero revelou este venres o proxecto de ampliación con dúas novas liñas do colexio público de Navia, elaborado polos técnicos do Concello e cun custo estimado en 10 millóns de euros. O alcalde xa adiantou que porá os terreos a disposición da Xunta de Galicia para que execute a ampliación. Caballero tamén adiantou que proxecta a construción dunha escola infantil na parcela, edificada polo propio Concello de Vigo, e incluirá as partidas precisas nos próximos orzamentos.
venres, 15 abr 2011
O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este luns a programación do museo Verbum que conmemora o octavo aniversario da súa apertura, e na que a diversidade lingüística é o eixo central. Na presentación, o nacionalista salientou tres elementos fundamentais nesta programacion, como son o Plan Museolóxico do museo e as exposicións "Vigo, cidade Babel", que se inaugurará o 29 de abril, e "Galiza nas ondas", que comezará o 4 de maio.
venres, 15 abr 2011
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o seu homólogo canario, Jerónimo Saavedra, asinaron hoxe venres o acordo oficial de Irmandamento das dúas urbes, en presencia de representantes dos tres grupos políticos municipais. Vigo e As Palmas están vencelladas por lazos comerciais, sociais e culturais, ademais de polas relacións pesqueiras e a Casa de Galicia presente na urbe canaria. O Irmandamento afondará nas relacións entre as cidades e no seu coñecemento mutuo.
venres, 15 abr 2011
A concelleira de Benestar Social, María Méndez, visitou este venres a Asociación Viguesa de Esclerosis Múltiple (Avempo), á que agradeceu o seu labor coas persoas que padecen esta enfermidade. A concelleira nacionalista expresou o seu compromiso a seguir colaborando con esta entidade para que poida seguir traballando na mellora da calidade de vida dos afectados e afectadas.
venres, 15 abr 2011
A Vigo Cup atópase a un mes do peche de inscrición e xa conta con numerosas solicitudes para a undécima edición, que se xogará do 4 ao 10 de xullo. Equipos de Castela-León, Andalucía, Portugal continental e Azores xa reservaron aloxamento para competir na edición do décimo aniversario do evento, que comezou en 2001. Xabier Alonso, concelleiro de Deportes, asegurou que "este é un torneo consolidado; a competición é secundaria porque nenos e nenas van convivir nun torneo internacional que para moitos será a primeira vez que xoguen, e gozarán das Rías e de bos campos".
venres, 15 abr 2011
A programación de artes escénicas que a Concellería de Cultura organiza no Auditorio Municipal continúa este fin de semana con dúas propostas diferentes, como son a danza e o teatro infantil. Mañá, 16 de abril, a compañía Sólodos Neodans interpretará o espectáculo "Sólodos" ás 21 horas. O domingo, 17 de abril ás 18 horas, Ghazafellos representará a obra "Frankestein", recomendada para nenos e nenas a partir dos 5 anos. O prezo das entradas para o espectáculo de danza é de 5 euros, e para o teatro é de 3 euros para os nenos e nenas até 12 anos e 5 euros para os maiores; nos dous casos pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación.
Ata o 10 de xuño a mostra recolle os orixinais dunha vintena de álbums editados por Kalandraka
venres, 15 abr 2011
A sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo abre unha nova mostra da man dos mellores ilustradores que teñen publicado na prestixiosa editorial Kalandraka e que se pode visitar do 15 de abril ata o 10 de xuño.As obras abarcan unha ampla variedade de estilos e disciplinas artísticas: desde obra pictórica, ata cerámica, pasando por banda deseñada, collage ou figuras tridimensionais.
venres, 15 abr 2011
Oluns 18 presentase ás 19.30 horas na Casa sa Cultura a publicación titulada: Laxeiro. Os escritos de Don Ramiro.O libro supón un auténtico descubrimento da faceta literaria de Laxeiro. Un traballo que recolle un total de 116 textos, dos que 83 son inéditos e 33 foron recompilados de diferentes publicacións.