xoves, 14 abr 2011
Abel Caballero anunciou hoxe xoves que o convenio para a xestión do centro de inclusión social que irá emprazado no Berbés será asinado de "inmediato" a sinalou que "estamos a facer a adaptación técnica porque imos engadir o baixo ao albergue". O baixo do edificio estaba ocupado por unha oficina de Caixanova que vai deixar, e o Concello integrará este andar no proxecto, culminando nun albergue de cinco alturas.
xoves, 14 abr 2011
O tenente de alcalde e presidente da Fundación da Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo (Faimevi), manifestou hoxe a súa satisfacción por que esta entidade pechou o balance de 2010 cun superávit de 40.000 euros, que mantén a liña positiva destes últimos anos. O nacionalista destacou ademais que Faimevi desenvolveu un amplo programa de iniciativas en materia de aforro enerxético e sostenibilidade.
xoves, 14 abr 2011
Os 19 traballadores son os mesmos que foron contratados polo Concello na pasada tempada de verán, e inician hoxe a súa tarefa que prolongarase ata outubro. O alcalde vigués avogou por que "as praias de Vigo sigan tendo a limpeza excepcional que tiveron o pasado verán" e transmitiulle ao persoal a "importancia" dos areais vigueses, que no verán convértense en elementos "referenciais" da urbe. "Seguimos xerando emprego na cidade", concluíu Abel Caballero.
xoves, 14 abr 2011
Abel Caballero recibiu na mañá deste xoves a visita de cortesía da cónsul xeral en Galicia-España de Uruguay, Marta Echarte Baraibar, quen ocupa o cargo desde o pasado ano 2010. Durante o periodo 2002-2007, Marta Echarte ostentou o mesmo posto diplomático en Madrid.
xoves, 14 abr 2011
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, presentaron este xoves os acordos de colaboración con catro entidades que traballan no eido das drogodependencias, como son Érguete, Madro, Alborada e Médicos do Mundo, ás que se destinan un total de 180.000 euros. Os nacionalistas destacaron que pese aos recortes da achega efectuada pola Xunta para realizar estes programas, o Concello de Vigo mantivo o seu investimento e ademais logrou quintuplicar o número de usuarios e usuarias en catro anos nos programas de prevención, ao chegar a máis de 10.000 persoas neste curso 2010-2011.
xoves, 14 abr 2011
Enmarcada na conmemoración da declaración da II República hai hoxe 80 anos, o Museo da Cidade "Quiñones de León" organiza mañá, 15 de abril ás 20 horas na Casa Galega da Cultura, a conferencia "A arte galega na República", a cargo do crítico Carlos L. Bernárdez. Segundo informa a Concellería de Patrimonio Histórico, para a arte galega o período republicano supuxo unha época dourada, especialmente co pulo de artistas como Laxeiro, Colmeiro, Maside e Souto, entre outros, cuxas mellores obras poden contemplarse na propia Pinacoteca, recentemente inaugurada na rúa Abeleira Menéndez.
xoves, 14 abr 2011
O Auditorio Municipal acollerá mañá, 15 de abril, a representación da adaptación da obra de Sandor Márai "La mujer justa" ás 21 horas, a cargo da compañía Tanttaka. Esta actuación enmárcase no programa "Con T de Teatro" que a Concellería de Cultura organiza no Auditorio do Concello. O prezo das entradas é de 7 euros e pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo do espectáculo.