Santi Domínguez anuncia que a Pinacoteca incorpórase á celebración da Reconquista con xornadas de portas abertas

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este martes a programación da Festa da Reconquista 2011, que se celebrará o vindeiro fin de semana, 26 e 27 de marzo. O nacionalista destacou que nesta convocatoria, como continuación á Reconquista do Casco Vello emprendida hai tres anos, a nova Pinacoteca súmase á celebración, xa que as persoas que se acheguen ao barrio histórico de Vigo poderán gozar coas xornadas de portas abertas e visitar a "obra cultural máis importante que se ten feito nos últimos anos na cidade".

martes, 22 mar 2011
1300802462Reconquista.jpg
"A Festa da Reconquista deste ano será moi especial, porque os veciños e veciñas do Casco Vello imos comprobar que o traballo de recuperación iniciado hai tres anos é hoxe un feito", asegurou. Para o tenente de alcalde, a conmemoración manterá a tendencia dos últimos anos, polo que "imos romper records e barreiras coa afluencia de xente", augurou. Ao seu xuízo, esta edición da Reconquista "só vai ter un problema, que é que nos vai custar moito máis expulsar aos franceses que outros anos, porque coa mellora que experimentou non van querer marchar do barrio, comentou.

Santi Domínguez expresou os seus parabéns á Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello. O nacionalista destacou que "levan moitos meses colaborando coa Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Cultura para organizar a festa". Ademais, fixo un chamamento aos veciños e veciñas para que sigan "axudando a reconquistar o Casco Vello de Vigo". Segundo considerou, "xa é diferente vir ao Casco Vello que hai tres anos, porque está absolutamente remodelado e co alumeado e os servizos que merece".

O presidente da Asociación, Cándido Pérez, deu conta das principais actividades incluídas no programa, que darán comezo o sábado 26 pola mañá coa animación infantil por diferentes rúas do Casco Vello. Sinalou que o sábado ás 18 horas tamén terá lugar unha representación, que neste caso amosará a destitución do alcalde e a corporación, o seu relevo e a toma da cidade polos franceses. A representación central será o domingo ás 18 horas na Porta do Sol, e nela participarán en total máis de 400 persoas, ao contar este ano coa incorporación de persoas de Mos ou Valadares, entre outros lugares, que portarán o seu propio pendón.

Entre as novidades, Cándido Pérez tamén comentou que o exército francés terá este ano o seu propio campamento na rúa Teófilo Llorente, co obxectivo de amosar que Vigo é "unha cidade ocupada". Ademais, mencionou que os problemas técnicos están xa solucionados, ao contar cun novo equipo de son, e que haberá cambios na propia representación para facilitar a súa visualización.

Por outra banda, indicou que como xa é habitual, os postos do mercado distribuiranse polas diferentes rúas do Casco Vello, dos que 94 serán de artesanía e nos que durante o fin de semana haberá demostracións do seu traballo. En canto as actuacións musicais están previstos dous concertos na Praza da Pedra, o primeiro o sábado ás 21.30 horas, a cargo dos grupos Sobre Rodas e Zurrumalla, e o seguinte o domingo ás 21 horas, no que actuará A Quenlla. Finalmente, dentro do programa da Reconquista 2011, e ata o 3 de abril, poderase visitar na Casa Galega da Cultura a exposición "O noso traxe peza a peza".

O presidente da Asociación Veciñal do Casco Vello manifestou o seu agradecemento a Santi Domínguez. "É de lei agradecer á Tenencia de Alcaldía e ás concellerías de Cultura e Patrimonio Histórico como se teñen volcado nestes anos co barrio", salientou.
Descargar todas as imaxes