O tenente de alcalde afirma que a reforma do mercado de O Progreso amosa a aposta polo pequeno e mediano comercio

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, visitou hoxe o mercado de O Progreso para asistir ao inicio das obras de remodelación, que contan cun investimento de 4,5 millóns de euros financiados case integramente polo Concello de Vigo. O nacionalista asegurou que esta reforma, ao igual que a que se levará a cabo proximamente no mercado do Berbés, amosa a aposta da Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Comercio polo pequeno e mediano comercio da cidade. "É de obrigado cumprimento que os cartos públicos se destinen a crear riqueza na cidade", afirmou.

martes, 22 mar 2011
1300800889Progreso.JPG
Santi Domínguez afirmou que nestes tempos de crise "fai falta que as administracións apoiemos e apostemos polos mercados municipais" e subliñou que nunca na historia desta cidade se fixera un investimento tan alto nos mercados municipais, cun total superior aos 7 millóns de euros en catro anos. Tras lembrar a xuntaza que mantivo recentemente coa directica de Mercacevi, avanzou que o seu obxectivo é seguir traballando nesta liña, poñendo en marcha tamén a reforma dos mercados de Teis, Cabral e O Calvario.

No tocante á reforma do mercado de O Progreso, o nacionalista explicou que o prazo de execución das obras é de 14 meses e sinalou que durante este tempo os postos estarán ubicados no mercado provisional da praza superior, lugar ao que se trasladarán a finais do mes de abril. O proxecto contempla a reforma integral do mercado e a praza, coa reorganización dos diferentes usos que agora existen, nunha superficie total construída de 7.605 metros cadrados. As plantas -2 e -1 estarán adicadas ao aparcamento, con 80 prazas de estacionamento, dúas delas para persoas discapacitadas.

Na pranta baixa concentrarase a actividade do mercado, con 65 postos de venda de carne, peixe, hortalizas e froitas, flores, panadería, kiosko e cantina. O proxecto tamén contempla neste andar un espazo de información e consigna no que poder preparar os pedidos para o servizo a domicilio, vestiarios para os traballadores do mercado así como espazos para residuos e zona de lavado. A primeira planta reservarase para a futura implantación dun supermercado. O tenente de alcalde avanzou que a praza tamén vai ser totalmente reformada. Instalarase unha cafetería, con accesos desde o mercado e desde a praza. "Crearase un novo espazo de lecer e encontro na zona", asegurou.

"Pero non se trata só de obras, senón tamén de fomentar a dinamización", afirmou o tenente de alcalde na súa intervención. Asegurou que esta reforma "é unha necesidade que pedían os comerciantes do mercado pero tamén do entramado comercial da zona". Neste sentido anunciou que co obxectivo de fomentar a dinamización de toda a zona, a remodelación incluirá tamén a reforma das rúas do contorno.

O tenente de alcalde felicitou á directiva do mercado "porque sempre estivo e está colaborando con nós" e manifestou a súa confianza en que dentro de catorce meses "poidamos estar satisfeitos da obra". O xerente do mercado, Raúl Fontán, destacou que se trata dunhas obras "moi demandadas e moi esperadas polos comerciantes", polo que asegurou que están "tremendamente orgullosos e agradecidos".
Descargar todas as imaxes