Escoitar

O musical "Inside... The wall" e o teatro infantil son as propostas do Auditorio Municipal para este fin de semana

Música e teatro centran as propostas que a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural organiza no Auditorio Municipal para este fin de semana. Mañá sábado, 26 de febreiro, terá lugar o musical "Inside... The wall" ás 21 horas, en homenaxe ao clásico de Pink Floyd. O domingo, a compañía La Tirita Teatro interpretará a obra "Bajo mi cama una estrella" ás 18 horas, recomendada para nenos e nenas de 3 a 7 anos. Nos dous casos pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación.

venres, 25 feb 2011
No concerto homenaxe a "The Wall", do grupo británico Pink Floyd, participarán Pablo Abreu nos teclados e voces; Esteban Amorín nas guitarras e voces; Christian Docampo, no baixo e voces; David Monteiro, nas guitarras e voces; e Nardo Pérez, batería e voz e principal. A representación retrata a vida dunha estrela ficticia de rock chamada "Pink", que se converte nun antiheroe mentalmente enfermo debido aos traumas que a vida lle vai deparando. A morte do seu pai na Segunda Guerra Mundial (Another brick in the wall - partes 1 e 3) nunha acción na que os mandos británicos sacrificaron moitos soldados, a sobreprotección materna (Mother), a opresión da educación británica (Another brick in the wall - parte 2), os fracasos sentimentais... son convertidos por el en ladrillos dun muro que o ailla, construído co fin de protexerse do mundo e da vida, pero que o conduce a un mundo de fantasía autodestrutiva. O prezo para asistir a este espectáculo é de 3 euros.

"Bajo mi cama una estrella", dirixida por Alberto Alfaro, narra a historia de Miguel, que non é moi forte, nin moi áxil, nin moi rápido, pero é moi valente... sempre que sexa de día e con sol, porque pola noite cando se vai a luz alí están a penumbra, que lle impide ver as cousas, e as sombras, que parecen outras cousas, e os ruídos... Da noite, a Miguel só lle gusta a lúa, especialmente se está chea e loce grande e luminosa enchendo de luz a noite negra. As entradas teñen un prezo de 3 euros para os nenos e nenas ata 12 anos e 5 euros para os maiores.