Escoitar

Santi Domínguez inaugura en Castrelos a mostra "Vigo, século XIX: o nacemento dunha cidade", con 110 pezas orixinais

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, inaugurou este venres a exposición "Vigo, século XIX: o nacemento dunha cidade" no Museo da Cidade "Quiñones de León". Integrada por 110 obras orixinais e con música creada especificamente para acompañar as visitas, poderá visitarse ata o 26 de febreiro de 2012. Segundo destacou o nacionalista, esta mostra é a máis importante dos últimos anos, xa que supón "o paso definitivo para transformar o Pazo de Castrelos en sede permanente dunha exposición sobre a historia da cidade ".

venres, 25 feb 2011
1298642003Expo.JPG
Na intervención previa á visita guiada pola mostra, Santi Domínguez explicou que a exposición aborda o primeiro século de Vigo como cidade, de 1810 a 1910, de xeito que recolle o "extraordinario pulo" que transforma unha vella vila na gran cidade que é hoxe. Destacou que Vigo non só é unha gran cidade no seu desenvolvemento económico e iniciativa empresarial, "senón que tamén recupera e quere poñer en valor a súa historia", algo que o tenente de alcalde considerou fundamental porque senón "nunca gañaremos o futuro".

O nacionalista salientou que a apertura desta exposición amosa a aposta da Tenencia de Alcaldía e das concellerías que coordina, nomeadamente Patrimonio Histórico e Cultura, pola "recuperación do patrimonio vigués". Exemplo deste esforzo citou os xacementos de Toralla e O Castro, os roteiros etnoarqueolóxicos por Candeán, Saiáns e Zamáns, así como a próxima apertura da Pinacoteca e o inicio das obras do Centro Galego de Fotografía. Agradeceu o traballo do conseilo reitor do padroado do museo, aos artistas, e todas as persoas que fixeron posible abrir hoxe a mostra.

O director do museo, José Ballesta, e a coordinadora da exposición, Beatriz de Lis, explicaron os contidos da exposición a través dunha visita guiada polas diferentes salas. A primeira delas, integrada na Sección I "Unha vila tranquila ao sur", está dedicada á Reconquista, que motivou a concesión do título da cidade. Ademais das pezas tradicionalmente expostas no museo, pódese ver diversa documentación e retratos dos principais protagonistas. Na segunda sala, "Como eramos, como nos viron", evócase a pequena vila que se converte en cidade en 1810, dende as representacións dos pintores que visitan Vigo a literatos como Julio Verne. A Colexiata ten especial protagonismo na sala, xa que por primeira vez expóñense ao público os seus planos.

A terceira sala da mostra, "Salón de Próceres", está dedicada á memoria dos personaxes senlleiros do século XIX vigués. Integra a segunda sección e nela por primeira vez preséntase, completamente restaturada, a galería completa de retratos históricos do museo, entre os que destacan José Elduayen, Ángel Urzáiz, José García Barbón, Tomás Alonso, Eduardo Iglesias, Policarpo Sanz e Irene de Ceballos. A visita a este salón da paso ás salas que integran a seguinte sección da mostra, dedicada á segunda parte do século XIX e ao Nacemento dunha cidade. A cuarta sala, centrada na "Caída das murallas", axuda a comprender o crecemento urbanístico de Vigo nesa época, que leva a súa expansión ao Areal ou Salgueiral. A comunicación interna da cidade está representada por unha calesa cedida pola Compañía de Xesús de Vigo.

A quinta sala, "Mar de Vigo. O desenvolvemento económico", presenta os principais aspectos do crecemento económico da cidade a finais do século XIX e principios do XX, centrado na expansión da industria conserveira e no pulo comercial. Como obxectos curiosos pódense ver as primeiras máquinas de cálculo da Caixa de Aforros de Vigo ou as balanzas para pesar empeños do seu Monte de Piedade. As salas sexta e sétima están adicadas á "Arte e Filantropía", que amosan o pulo cultural de Vigo durante o século XIX. Proba deste é o protagonismo da actividade editorial e a publicación na cidade por primeira vez de "Cantares gallegos" de Rosalía de Castro, na imprenta de Juan Campañel, ademais da fundación do xornal Faro de Vigo, entre outros. A última sala da mostra, "Vigo tamén se divirte", lembra os principais teatros e cafés que existiron en Vigo, representados nunha maqueta do teatro García Barbón e nun conxunto de pezas doadas pola familia do fundador do Café Derbi, Albino Mallo.


O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, agradeceu a colaboración de todas as institucións que fixeron posible a súa posta en marcha, como o Arquivo Municipal, a Asociación Veciñal do Casco Vello, a Cámara de Comercio, a Compañía de Xesús, a Escola Municipal de Artes e Oficios, Faro de Vigo, o Museo de Anfaco, Francisco Pablos, Lalo Vázquez Gil, Javier Albertos, José Alján, José Antonio Valcarce, María Paz Espinosa, Tranvías Eléctricos de Vigo, Novacaixagalicia e o arquitecto Xaime Garrido. Tamén salientou que todas as pezas son orixinais, o cal ao seu xuízo realza a historicidade da mostra, ademais de contar coa súa propia música orixinal, que se puido escoitar hoxe en directo tras o percorrido.

A exposición pode visitarse os martes, xoves e venres en horario de 10 a 13.30 e 17 a 20 horas; os mércores de 10 a 20 horas; os sábados de 17 a 20 horas; e os domingos e festivos de 10 a 10.30 horas. O museo ofrece un programa de visitas guiadas tanto ao museo como ao cemiterio municipal de Pereiró. Para máis información pode contactarse co museo a través dos teléfonos 986 295 070, 986 295 075 e no correo electrónico saves.museodecastrelos@vigo.org, de martes a venres de 11 a 14 horas.
Descargar todas as imaxes

Máis información