Escoitar

O Fondo Galego de Cooperación reclama a inclusión da solidariedade internacional nos programas electorais

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, no que participa o Concello de Vigo a través da Concellería de Benestar Social, reclama que se inclúa a solidariedade internacional nos programas electorais dos partidos políticos que concorran aos comicios locais do vindeiro mes de maio. Ademais, solicita que as agrupacións políticas recollan o compromiso de chegar á dotación dun 0,7% dos seus orzamentos para cooperación internacional.

venres, 25 feb 2011
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade recoñece que estamos a atravesar momentos difíciles no plano económico, Porén destaca que non se pode comparar a nosa situación coa dos países empobrecidos, que viven nunha situación de crise crónica, agora aínda agravada. "Non fagamos que as persoas máis vulnerables, no Norte e no Sur, que son as menos culpables da crise, sexan quen a paguen", sinalan.

Dende o Fondo consideran que o compromiso internacionalmente establecido e asumido de dedicar o 0,7% do PIB dos países ricos en concepto de Axuda Oficial ao Desenvolvemento ha de traducirse en Galicia. A Lei Galega de Cooperación, aprobada por unanimidade no Parlamento Galego, recoñece a dedicación do 0,7% dos recursos propios das diversas institucións, pero segundo o Informe Zero da Cooperación Municipalista, os municipios galegos dedican, de media, menos do 0,05% dos seus orzamentos, catorce veces por debaixo do mínimo comprometido.

Por outro lado, aínda que Galicia representa entre un 6 e un 7% da poboación do Estado, os cartos destinados á cooperación internacional polas entidades locais galegas representa o 1% do total destinado polas entidades locais do Estado. O esforzo solidario internacional das entidades locais galegas sitúase, así, entre seis e sete veces por debaixo da media por habitante das entidades locais do Estado, polo que fan un chamamento a que as entidades locais galegas desenvolvan un papel relevante na cooperación e recollan o compromiso de chegar á dotación dun 0,7% dos seus orzamentos para cooperación internacional.