Escoitar

Iolanda Veloso anuncia que o Concello inicia hoxe unhas xeiras que sirvan de espazo para o debate sobre a lingua

A concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, presentou este martes as primeiras xeiras de Normalización Lingüística, que terán lugar hoxe no do edificio municipal do Areal 46, ás 20 horas. A edil destacou que con esta iniciativa se quere ofrecer dende o Concello "un espazo para o debate sobre a situación da lingua galega e o que queremos para ela".

martes, 13 out 2009
1255437469xeiras.jpg
Iolanda Veloso explicou na convocatoria de hoxe participarán integrantes de "catro plataformas que foron xurdindo nos últimos meses, dende distintas perspectivas, en defensa da lingua galega". En representación de Queremos Galego participará Fran Rei, por parte de Prolingua está confirmada a participación de Agustín Fernández Paz, María Reimóndez participará en representación de Convers-ando, e tamén estará confirmada a presenza dun representante de Galego, patrimonio da humanidade.

A concelleira de Normalización Lingüística subliñou a pertinencia de organizar en Vigo estas xeiras dada a situación pola que atravesa o uso do galego na cidade. "Vigo está experimentando un forte retroceso lingüístico", afirmou Iolanda Veloso, "segundo o confirman diferentes estudos". Neste sentido indicou que é a cidade "na que máis caeu o uso do galego" aínda que entre a xente nova hai un alto nivel de coñecemento, "pero un uso moi baixo". "O obxectivo do decreto aprobado sendo Manuel Fraga presidente da Xunta, -que ten por obxectivo que ao remate do ensino obrigatorio os rapaces e rapazas teñan igual competencia en galego e en castelán- non se está cumprindo", resaltou a concelleira nacionalista.

Iolanda Veloso explicou que o obxectivo é que cada mes se organice unha mesa redonda, "tratando de fixar unha data que sexa referente para todos e todas". Ao respecto, destacou o obxectivo de que sexan "o máis abertas posible". Así, nas diferentes convocatorias participarán sociolingüistas, avogados e avogadas, xuíces, empresarios, xornalistas "de xeito que os máis diversos eidos estean representados". Ao respecto, avanzou que no mes de novembro terá lugar unha mesa redonda sobre os dereitos lingüísticos da cidadanía.
Descargar todas as imaxes