Escoitar

Santi Domínguez salienta que a segunda edición de Stockaxe duplica a participación de expositores, con 150

O tenente de alcalde e concelleiro de Comercio, Santi Domínguez, salientou este martes que a segunda edición de Stockaxe, que se celebrará no Ifevi os días 17 e 18 de outubro, duplicará a participación de expositores respecto á edición pasada. Na presentación do evento, na que tamén participou a presidenta de Fecovi, Santi Domínguez afirnou que a aposta por esta feira é unha das medidas postas en marcha dende a Concellería de Comercio "para apoiar o pequeno e mediano comercio da cidade".

martes, 13 out 2009
1255436926stock.jpg
O tenente de alcalde explicou que na actual edición de Stockaxe teñen confirmada a súa presenza 150 expositores dos máis variados sectores "aínda que de hoxe ao sábado poden aumentar". Cun "prezo simbólico" de 1 euro, o seu horario será de 10 a 21 horas. "Quero animar aos vigueses e viguesas a que acudan o sábado e o domingo ao Ifevi", expresou Santi Domínguez. Salientou que ademais de comercios que liquidarán a súa mercancía, Stockaxe tamén organizará "actividades para toda a familia" e que a feira conta con servizo de ludoteca para os máis pequenos.

As axudas para o mantemento do emprego, a potenciación da formación e o fomento do consumo son as "tres liñas fudamentais de actuación" polas que aposta a Concellería de Comercio. Neste sentido, Santi Domínguez destacou que sigue aberta a convocatoria para solicitar as axudas de 600 euros dirixidas ás familias máis necesitadas. Respecto ás axudas para os comerciantes para potenciar o mantemento do emprego avanzou que están "a punto de pasar o informe xurídico" e por outra banda anunciou que se está estudando a posibilidade de ampliar os bonos de horas de aparcamento e autobuses gratuitos.

"Cando cheguei á Concellería de Comercio afirmei o meu compromiso co pequeno e mediano comercio e hoxe quero confirmar o meu compromiso", salientou o tenente de alcalde. Asemade, Santi Domínguez asegurou que en Vigo "estamos sendo pioneiros con estas iniciativas" e agradeceu a colaboración da Federación de Comercio de Vigo e das asociacións de comerciantes na posta en marcha das diferentes actuacións.

A presidenta de Fecovi, pola súa banda, asegurou que hoxe "é un día moi feliz porque Stockaxe é un sono feito realidade que non fumos capaces de cumprir ata que Santi Domínguez chegou á Concellería de Comercio". Segundo dixo "queriamos articular unha feira digna e que servira para liquidar os stoks e o acadamos grazas a Santi Domínguez". Ademais, Encarna Álvarez expresou o seu agradecemento polas liñas de actuación postas en marcha desde a Tenencia de Alcaldía. "Poñer 1.200.000 euros na rúa supón potenciar as ventas do pequeno e mediano comercio", salientou.
Descargar todas as imaxes