Escoitar

Abel Caballero salienta o seu "apoio incondicional" ao plan industrial de Citroen en Vigo

O alcalde puido coñecer onte mércores os detalles do plan industrial presentado pola factoría viguesa nunha reunión mantida co seu director, Pierre Ianni. Abel Caballero cree que o plan "garante a continuidade de Citroën como a segunda fábrica máis importante de Europa" e que permitirá "sair fortalecida da crise" á automoción viguesa.

xoves, 19 feb 2009
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mostrou hoxe xoves o seu "apoio incondicional" ao proxecto industrial presentado onte pola factoría viguesa de PSA ao Ministerio de Industria, pois "garante a continuidade de Citroën como a segunda fábrica máis importante de Europa".

Nunha reunión celebrada onte con Pierre Ianni, o rexedor puido coñecer de mans do director da planta os detalles do Plan Industrial de Citroën 2009-2012, que contempla unha inversión de 1.000 millóns de euros nos catro anos, dos que 167 se investirán neste 2009. "É un plan certamente excepcional", afirmou o alcalde, "moi sólido e moi rigoroso".

O alcalde anunciou que transmitirá o seu apoio aos presidentes da Xunta de Galicia e do Goberno de España, xa coñecedores do proxecto, segundo indicou Abel Caballero. A grandes trazos, o plan contempla a mellora da actividade productiva da factoría, a mellora ecolóxica dos seus equipos e a formación do equipo humano.

"Hai que aproveitar a crise para saír reforzados", salientou o alcalde referíndose aos sectores estratéxicos da economía viguesa, e considera que o proxecto é unha "oportunidade magnífica" que permitirá á automoción "sair fortalecida da crise".

O alcalde avanzou que fará "todo o posible" para que o proxecto industrial da planta viguesa de PSA se leve a cabo na súa integridade, pois é imporante "para a industria de Vigo e de Galicia, pero tamén para a de España", subliñou.