Escoitar

O Concello urxe a FENOSA e a Industria a resolución das reclamacións das facturas eléctricas

A edil de Consumo, Chus Lago, mantivo esta mañá un encontro co delegado provincial de FENOSA na que lle transmitíu a "incomodidade absoluta" da cidade sobre a situación dos cobros da electricidade e solicitou á empresa a que actúe "de oficio" para solventar as reclamacións. Ademais, o Concello urxirá á Consellería de Industria a que tome medidas "con prontitude" ao respecto.

mércores, 18 feb 2009
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este mércores da reunión mantida hoxe entre a edil delegada de Consumo, Chus Lago, e o delegado provincial de FENOSA, encontro no que urxíuse á empresa a actuar "de oficio" para solventar as reclamacións dos cidadáns sobre as facturas eléctricas.

Segundo indicou o alcalde, a Oficina Municipal de Información e Consumo (OMIC) do Concello de Vigo ten recibido aproximadamente unhas 300 reclamacións ao respecto, a unha media de 50 diarias. Este "sen número de reclamacións", explicou Abel Caballero, "está a causar alarma social", polo que Lago lle transmitíu ao delegado a "incomodade absoluta" da cidade.

O Concello, salientou asemade o alcalde, urxirá á Consellería de Industria da Xunta de Galicia, quen ostenta as competencias sobre a materia, a tomar medidas "con prontitude" para que "restableza o clima de tranquilidade social".

Abel Caballero invitou a todos os vigueses perxudicados a formalizar a súa reclamación a través da OMIC, quen conta cun formulario tipo, as canaliza e remite á Xunta de Galicia e a FENOSA.