Escoitar

O alcalde encargará un estudo sobre os galeóns da Batalla de Rande<br />

O Secretario Xeral da FOMAR (a Fundación Iberoamericana para o Fomento da Cultura e as Ciencias do Mar), José Enrique Lechuga, entrevistouse hoxe martes con Abel Caballero para cambiar impresións sobre o Santo Cristo de Maracaibo e os galeóns de Rande. O alcalde encargará un estudo para facer deste "un dos temas de recuperación da nosa historia e do noso pasado".

martes, 17 feb 2009
1234878976maracaibo.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantivo este martes un encontro co Secretario Xeral da FOMAR -a Fundación Iberoamericana para o Fomento da Cultura e as Ciencias do Mar-, José Enrique Lechuga, reunión na que intercambiaron impresións sobre o Santo Cristo de Maracaibo e os galeóns afundidos na Batalla de Rande.

Abel Caballero anunciou que encargará á FOMAR un estudo que singularice o estado dos galeóns e o seu posible contido para que o Concello de Vigo conduza directamente a cuestión. Para ello, o alcalde falará co Ministro de Cultura, quen tamén estaría interesado no proxecto, segundo salientou Abel Caballero.

O alcalde explicou que o asunto "interesa cultural, histórica e turísticamente" polo que quere facer deste "un dos temas de recuperación da nosa historia e do noso pasado", xa que tamén repercutiría na cidade como "atractivo turístico", afirmou.

José Enrique Lechuga e Abel Caballero abordaron as posibles campañas a realizar dirixidas á localización dos restos do galeón afundido. Lechuga, pola súa banda, subliñou que a entrevista centrouse ademais na posibilidade de elaborar unha réplica dos "galeóns emblemáticos" da frota de indias de 1702.

Ambos comparten asemade o interese, tal e como afirmou o Secretario Xeral da FOMAR, que podería ter para Vigo a creación dun espazo "real e virtual" sobre a Batalla de Rande, e en especial sobre o Santo Cristo de Maracaibo, para o que a FOMAR ofrece a súa colaboración.

Entre 1989 e 1994, José Enrique Lechuga Serantes dirixíu os programas de arqueoloxía e cultura naval da Sociedade Estatal do Quinto Centenario, onde levou entre outros proxectos o estudo da frota afundida na batalla de Rande de 1702. A Fundación Iberoamericana para o Fomento da Cultura e as Ciencias do Mar, FOMAR, custodia valiosa documentación sobre a expedición do Santo Cristo de Maracaibo.
Descargar todas as imaxes