Escoitar

O MoveVigo desenvolverá 39 actividades nos barrios e parroquias para acadar un Entroido participativo

O movemento veciñal de Vigo, en colaboración coa Tenencia de Alcaldía e coa Concellería de Cultura, vai desenvolver unha intensa programación de Entroido en todos os barrios e parroquias dentro do programa MoveVigo. Ata o vindeiro 10 de marzo as asociacións veciñais da cidade organizan 39 actividades que complementan a oferta do Concello, segundo explicaron hoxe en rolda de prensa o concelleiro de Cultura, Xesus López, e o responsable de Cultura da Favez, Xosé Couñago.

luns, 16 feb 2009
1234792181entroidofederacion.jpg
O concelleiro de Cultura felicitou os responsables vecinais polo "seu compromiso coa cidade, o seu esforzo e o seu traballo", que se pon de manifesto en actividades como esta do Entroido. Xesus López salientou especialmente o labor que fan a prol da recuperación das nosas tradicións. A este respecto lembrou que o Concello de Vigo fixo este ano unha aposta pola recuperación do Entroido propio da cidade, rescatando actividades e personaxes que estaban esquecidos hai anos.

Xosé Couñago, pola súa banda, sinalou que o obxectivo da Federación de Asocacións de Veciños é facer que o Entroido sexa participativo. "Sumámonos ao que fai o Concello para que chegue a todos os barrios e parroquias. Tratamos de sumar forzas desde o movemento veciñal para que o Entroido sexa máis participativo e non tan pasivo como viña acontecendo nos últimos anos", dixo.

Unha vez máis os cativos serán os protagonistas do Entroido veciñal. Eles e toda a familia están convidados ás 16 festas infantís nas que haberá bailes e desfiles de disfraces, teatro, actuacións, música, animación infantil e ata concursos de disfraces. Os maiores tamén están convidados a disfrazarse e pasalo en grande en calquera dos bailes de entroido que organizarán as asociacións veciñais do Casco Vello, Monte da Mina de Castrelos, Valadares, Agarimo de San Xoán Poulo, Cabral e Beade. Como novidade do MoveVigo de Entroido, comparsas e pasarrúas sairán a animar os barrios ata en tres ocasión. Será en Alcabre, no Casco Vello e na Travesía de Vigo.
Descargar todas as imaxes