Escoitar

Abel Caballero mediará co SERGAS para manter aberto o hospital da Cruz Vermella en Vigo

O alcalde, Abel Caballero, e o concelleiro de Participación Cidadá, Santos Héctor, mantiveron hoxe luns unha reunión co Comité de Empresa do Hospital da Cruz Vermella. "Vigo precisa do mantemento do Hospital", expresou o rexedor, polo que se comprometeu a mediar co SERGAS para formalizar un convenio que permita manter a súa actividade.

luns, 16 feb 2009
1234792808hospital.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, garantíu hoxe luns que mediará co Servizo Galego de Saúde (SERGAS) da Xunta de Galicia para que o Hospital vigués da Cruz Vermella permaneza aberto. O rexedor e o edil de Participación Cidadá, Santos Héctor, reuníronse este luns co Comité de Empresa do centro para estudar a súa situación.

En declaracións aos medios, Abel Caballero explicou que os traballadores teñen dificultades tanto cos propios investimentos a realizar pola Cruz Vermella como na renovación do convenio a rubricar co SERGAS. O alcalde comprometeu a súa mediación co Servizo Galego de Saúde para elaborar un novo documento que evite o peche do centro.

"Vigo precisa do mantemento do Hospital da Cruz Vermella", salientou o alcalde vigués, tanto polos cidadáns aos que presta atención como polos postos de traballo dos seus empregados.

Revisión dos colexios públicos
O alcalde anunciou asemade na mañá deste luns que convocará unha reunión coa edil de Educación do Concello de Vigo e co delegado provincial da Consellería de Educación da Xunta de Galicia centrado na "renovación, mantemento e mellora de todos os colexios públicos da cidade de Vigo".

Abel Caballero manifestou a súa vontade de facer da atención aos colexios unha "cuestión central" e estimou que "mañá ou pasado" terá lugar ese encontro, propiciado tras as queixas dos pais e nais do colexio O Pombal, no que se elaborará unha listaxe dos centros e un convenio que permita proceder de xeito paulatino cara ao mantemento e mellora das instalacións educativas.
Descargar todas as imaxes