Escoitar

O tenente de alcalde anuncia que a exposición Reconquista; 1809-2009" reunirá máis de 200 pezas

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, asegurou hoxe que a exposición "Reconquista: 1809-2009", que se inaugurará o vindeiro 6 de marzo, será a de maiores dimensións das organizadas no Museo de Castrelos na súa historia. Na presentación do mostra anunciou que o número de pezas supera as 200 e que ocupará as dúas plantas do pazo Quiñones de León, ademais das salas do novo anexo.

mércores, 18 feb 2009
1234966675expo.jpg
O nacionalista salientou a importancia que esta exposición vai ter "para divulgar a historia da cidade e nomeadamente da Reconquista", pero tamén fixo fincapé no relevante papel que vai ter na proxección internacional de Vigo. Adiantou que destacados historiadades e tamén xornalistas estranxeiros teñen amosado o seu interese en visitar a exposición, como en asistir ao congreso sobre a Reconquista.

A exposición amosará un amplo catálogo de pezas para narrar a historia da Reconquista de Vigo, no marco das guerras napoleónicas. A mostra ten confirmadas xa todas as pezas, que inclúen cesións temporais do Museo Naval de Madrid, Museo Militar, Museo Militar Rexional de A Coruña, Arquivo Histórico Nacional, Museo Diocesano de Tui e Biblioteca Británica. Ademais contará con elementos de coleccións privadas como as de Manuel Arenas, Díaz Galeote o The Royal Green Jackets. Ccntouse tamén coa colaboración do Ministerio de Defensa, Ministerio de Cultura e o Bispado de Tui-Vigo, entre outras institucións. Santi Domínguez quixo agradecer especialmente a cesión de todas as pezas.

A mostra se Iniciará cunha montaxe audiovisual, de 8 minutos de duración, que se exhibirá nun pequeno cine, no que o visitante coñecerá os feitos da Reconquista antes de iniciar o percorrido. Ao longo das salas, haberá outras pezas audiovisuais, como un gráfico 3-D que representa o asalto ás murallas de Vigo vivido na noite do 27 de marzo de 1809. Haberá tamén un audiovisual sobre a festa da Reconquista que organizan os veciños do Casco Vello. E unha peza documental sobre cómo era a vida dos soldados da época.

Oito maniquíes, perfectamente armados e uniformados, representarán ás forzas que participaron na contenda. O comandante Chalot será recreado no momento de asinar a capitulación de Vigo. E a mostra contará co uniforme do mariscal Soult, mando supremo do exército que ocupou Vigo, ademais do seu sabre, que o militar francés deixou na vila viguesa e xamais puido recuperar. O sabre está a ser restaurado para a exposición e terá unha presentación especial.

Ademais, haberá catorce dioramas que representarán diversas batallas da Guerra da Indepen encia, a través de miniaturas. Entre elas, está a de Ponte Sampaio, que supuxo a expulsión de Galicia das tropas francesas. Entre as armas de época presentes, cóntase un canón francés co seu tren de artillería, unha peza espectacular como o son outros dous canóns de batería e un morteiro de prancha, un arma de asalto empregada para derrubar murallas e atacar formacións pechadas de infantería. Granadas, fusís de chispa, pistolas de chave de chispa de miquelete, polvoreiras, cartuchos, balas, trabucos, sabres e munición diversa para todas as armas e calibres estarán presentes na exposición do Bicentenario.

Haberá tamén unha sala adicada ao impacto mediático da Reconquista, coas novas que ofrecían sobre Vigo xornais como The Times, en Londres, Journal de L´Empire, de París, ou o Semanario Patriótico, de A Coruña.

Por outra banda, varias salas exporán diversos documentos relacionados coa Reconquista, como o primeiro Bando de Cachamuíña, ordes do comandante Chalot, correspondencia secreta entre o alcalde Vázquez Varela e os partisanos, ou diversos informes redactados polo gobernador Villavicencio ou os líderes Pablo Morillo ou Joaquín Tenreiro Montenegro.

Tamén estarán presentes os libros de defuntos nos que as parroquias recollían a crónica dos mortos durante a Reconquista e a guerra contra os franceses. Cedidos polo Arquivo Diocesano de Tui, estes libros orixinais contarán cunha protección ambiental especial, e estarán acompañados das súas transcricións, nas que se narra, coa morte dos paisanos a mans dos franceses, toda a crueza daquela guerra. Asemade haberá bandeiras, como as dos rexementos vigueses na Reconquista, restauradas polo Museo de Castrelos, xunto a outras do exército francés, ou unha reproducción da águia de ouro do cruceiro "Atlas", buque galo capturado polos vigueses en xullo de 1808. Bustos de Napoleón, John Moore e Castaños, figuras e retratos de diferentes heroes da Reconquista, e un apartado de pinacoteca, con cadros cedidos por diversos museos son outros elementos da ambiciosa exposición de Castrelos.

Por outra banda, o tenente de alcalde anunciou que xa está aberto o prazo para que os colexios e institutos vigueses poidan reservar visitas guiadas a exposición. Poden facelo a través da páxina web www.reconquistadevigo.com dentro do apartado "Exposición", cubrindo un formulario que se envía por correo electrónico desde a mesma páxina web.

As visitas dos grupos escolares contarán cunha guía especializada, caracterizada da época, que explicará as distintas salas e contará aos visitantes a historia da Reconquista.
Descargar todas as imaxes