Escoitar

O Are More percorre diferentes escenarios nos seus catro últimos días para achegarse a un público variado

Os vindeiros catro días, o festival Are More 2008, organizado pola Concellería de Cultura, percorrerá distintos escenarios da cidade, achegando a música aos públicos máis variados. O sábado, 13 de decembro a Ensamble Music-Walk actuará no Auditorio Martín Códax; o domingo 14 de decembro a homenaxe a Eduardo Soutullo, protagonizada pola pianista Rasa Jakutybe Biveiniene, terá lugar nas instalacións do Real Club Náutico; o luns 15 de decembro a igrexa María Auxiliadora acollerá o concerto da Ensamble Vocal Niniwe, e o martes, 16 de decembro, o concerto de clausura terá lugar tamén na igrexa María Auxiliadora a cargo de Bridget Bazile & The Monnwalk Singers.

venres, 12 dec 2008
1229090138untitled.jpg
Co obxectivo de achegar a música aos públicos máis variados, o festival Are More celebrarase estes días en diversos escenarios e nas catro actuacións, a entrada será de balde até completar aforamento. Mañá, 13 de decembro, o Auditorio Martín Códax acollerá ás 20.30 horas a actuación da Ensamble Music-Walk, coa que a soprano Ana Rodrigo, o tenor José Antonio Campo e o pianista Nicasio Gradaille interpretarán o programa "A ópera segundo Jonh Cage (1912-1992) Europera 5 (1991)". O compositor creou Europera no ano 1991, por encargo do Festival de Música Moderna de Buffalo (Nova Iorque). Nesta ópera Cage empregou medios máis reducidos que nas catro anteriores, co obxectivo de poder interpretala en diversos lugares. Ademais, partindo da idea de que a ópera é un xénero baseado na tradición, o autor debida utilizar o repertorio tradicional sen compoñer unha soa nota para as súas obras, de xeito que crea procesos compositivos e cede ao azar o resultado final deses procesos.

O domingo, 14 de decembro, terá lugar unha das novidades que presenta a actual edición do Are More, o ciclo adicado ás mulleres "Visións máxicas". Nel, a pianista Rasa Jakutybe Biveiniene protagonizará a homenaxe a Eduardo Soutullo ás 12.30 horas no Real Club Náutico de Vigo. Rasa Jakutybe Biveiniene, natural da cidade lituana de Kaunas, é na actualidade vicedirectora e pianista acompañante no Conservatorio Superior de Música de Vigo. A pianista interpretará un programa integrado pola obra de F. Chopin "Andante spianato gran polonesa brillante, op.22", de D. Schostakovichc "Catro preludios", de Eduardo Soutullo "Have you said Spectral?", e de A. Kuhne "Fantasía sobre os temas da ópera de Verdi La Traviatta".

O 15 de decembro, ás 20.45 horas, a igrexa María Auxiliadora acollerá o concerto da Ensemble Vocal Nínive, integrada por Winnie Brückner, Elena Hamann, Caroline Krohn e Hanne Schellmann. Coas súas particulares voces, as catro compoñentes de Nínive levan a interpretación da música moderna vocal a novos límites, entrelazando a música clásica e o jazz coas harmonías de vangarda.

Finalmente, a clausura do Are More terá lugar o 16 de decembro na igrexa María Auxiliadora ás 22 horas. O concerto, de canto negro espiritual, correrá a cargo de Bridget Bazile & The Monnwalk Singers. Bridget Bazile ten compartido o seu talento con estrelas da lírica como Barbara hendricks e as mellores corais de espiritual e gospel. Como solista triunfou no Carnegie Hall, Orquestra Hall de Chicago, no Lión Sacred Music Festival, no Sully Music Festival e no Simposio Internacional de Sydney.
Descargar todas as imaxes