Escoitar

A Concellería de Igualdade promove o uso non sexista dos xoguetes coa campaña "Imaxina Vigo"

O vindeiro 15 de decembro comezará a campaña "Imaxina Vigo", promovida pola Concellería de Igualdade do Concello de Vigo, co obxectivo de promover o uso non sexista dos xoguetes nunhas datas marcadas pola súa adquisición. "Necesitamos superar o reparto tradicional de roles e o mantemento dos estereotipos sexistas que aínda se plasma nos catálogos das xogueterías", subliñou este venres a concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso.

venres, 12 dec 2008
1229089219xoguetesnonsexistas.jpg
Iolanda Veloso explicou que a campaña comezará o luns, 15 de decembro, xa que a partir desta data comeza o "momento máis forte de adquisición de xoguetes". Porén, a edil salientou que a iniciativa se desenvolverá ao longo de todo o ano. "Un ano máis vemos que nos catálogos dos xoguetes que imos regalar se representan os estereotipos de sexistas e o reparto tradicional de roles", explicou. A concelleira sinalou que nas follas adicadas ás nenas mantense a cor rosa e o azul para os nenos, do mesmo xeito que para as nenas se representan os xogos asociados coas tarefas consideradas tradicionalmente como femininas e para os nenos os traballos masculinos.

No transcurso da iniciativa distribuirase nos centros escolares, asociacións veciñais e xogueterías, diverso material, como calendarios e separadores de libros, coa lenda "Ás ferramentas non lles importa que sexan neno ou nena, á boneca tampouco, e a ti?". Neste sentido a concelleira de Igualdade indicou que os xoguetes son unha parte fundamental no desenvolmento da personalidade dos nenos e das nenas, xa que a través deles se socializan, "polo que quixemos unir xoguetes e profesións para incidir na aprendizaxe de distintas capacidades que favorezan a convivencia entre sexos e enriquezan aos nenos e ás nenas como persoas".
Descargar todas as imaxes