Escoitar

Urbanismo aproba o inicio do planeamento de case 1.800 novas vivendas protexidas

O alcalde informou que as 1.767 novas vivendas de protección impulsadas desde a esfera publica na Xerencia de Urbanismo deste xoves están localizadas nos ámbitos de Peteta, Falcoa, Macal e Poulo. Coas xa iniciadas en Santa Cristina, Fontes-Pertegueiras, Troncal e Pontenova son xa 3.203 as vivendas protexidas iniciadas, no mercado en "catro ou cinco anos".

xoves, 11 dec 2008
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este xoves do inicio do desenvolvemento dos ámbitos de Peteta, Falcoa, Macal e Poulo, que inclúen 4.054 novas vivendas das que 1.767 serán de protección oficial. Esta aprobación de Urbanismo se suma ás xa iniciadas en Santa Cristina, Fontes-Pertegueiras, Troncal e Pontenova, facendo un total de 3.203 vivendas protexidas xa iniciadas desde a esfera pública.

Abel Caballero adiantou que estas vivendas poderían saír ao mercado en "catro ou cinco anos", e subliñou que, desde a aprobación definitiva do Plan Xeral de Vigo, o Concello xa deu luz verde á construción dun total de 8.050 vivendas distribuídas por oito ámbitos da cidade, o que representa o 34% das 23.664 vivendas que se construirán coa iniciativa pública en 41 ámbitos de Vigo.

Do total de 11.620 vivendas protexidas contempladas polo plan municipal de vivenda na iniciativa pública, o rexedor explicou que o 27% dos mesmos, 3.203, xa están iniciados tras a aprobación da Xerencia de Urbanismo de hoxe. O alcalde salientou que os ámbitos restantes se iniciarán "progresivamente".

O rexedor vigués comentou asemade que o desenvolvemento dos planeamentos de iniciativa pública estanse a enviar ao SEPES, a Entidade Pública Empresarial do Solo, para que estuden facerse cargo dos mesmos, algo do que o alcalde mostrouse confiado.

Xunto cos 41 de iniciativa pública que contempla o Plan Xeral, o alcalde subliñou que son bastantes os promotores privados que están a comezar a tramitación dos seus respectivos ámbitos.