Escoitar

A terceira edición da Subida ao Castro modifica o circuíto e os participantes superarán 357 chanzos

A terceira edición da Subida ao Castro dispútase este sábado (12.00 horas) con saída desde As Avenidas e chegada ao Castelo de San Sebastián. A proba, que terá a particularidade habitual de que os atletas ascenden por unha infinidade de escalóns (357) e ata 150 metros sobre o nivel do mar, concita como nas dúas edicións pasadas certa expectación. A organización, de RP 3, e a Concellería de Deportes modificaron algunhas partes do circuíto para suavizar o inicio, polo que os atletas participantes, federados ou non, irán primeiro por Cánovas del Castillo, Ribeira do Berbés e Teófilo Llorente antes de acometer as primeiras escaleiras no Casco Vello.

xoves, 11 dec 2008
1229004584subidaocastro.jpg
Aínda que nesta edición hai máis chanzos"son máis fáciles de levar" polo deseño do circuíto, asegura Eleuterio García, presidente da Delegación Viguesa de Atletismo. E como respecto da proba de 2007 xa finalizaron as obras da subestación de Fenosa no Castro, a carreira irá por esos escalóns cruzando o Paseo dos Cedros. "É unha proba alternativa, nada que ver cunha clásica, e é moi dura polo ascenso, pero tamén bonita", dixo Xabier Alonso, concelleiro de Deportes. Alonso, que tamén participará na proba, asegurou que a vitoria levaralla "un especialista potente no medio fondo", é dicir, alguén habituado a correr os 1.500 ou os 3.000 metros. Aos participantes espéranlles as escalinatas do mercado da Pedra e as da rúa Segunda República (onde o edificio Simeón).

Guillermo Janeiro, de RP 3, espera unha participación importante (case 200 competidores acabaron a edición pasada), e lembrou que se poderán inscribir, de forma gratuíta, no centro comercial Gran Vía ata mañá venres ás 14.00 horas. Será no seu punto de información, anunciou Fernando Pinto, xerente do centro comercial. O mesmo sábado, ata as 11.30 horas, tamén se poderá inscribir quen o desexe na oficina da carreira no Real Club Náutico, pero xa abonando 5 euros.

Juan José Lores, representante de Caixanova na rolda de prensa, destacou que a proba aproveite as peculiaridades da orografía viguesa, e asegurou que a subida converteuse nun clásico nol Nadal local. A organización prevé premios para os tres primeiros clasificados de cada categoría (benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil, júnior, promesas, senior e veteranos), tanto masculina como feminina. Manuel Rodríguez Rey (Deportes Marcial) foi o primeiro hai un ano e Mónica Incera (Universidade de Vigo) foi a primeira muller en alcanzar a meta no 2007 dunha proba na que este ano colaboran Caixanova, Centro Comercial Gran Vía, Suí Xoieiros, Náutico e Coca-Cola.

Tras a Subida ao Castro, ao calendario atlético en Vigo réstanlle dúas probas máis: o Memorial Andrés Abanqueiro, este domingo 14 en Castrelos, e a clásica Carreira do Pavo o día 21.


Descargar todas as imaxes