Escoitar

A Casa das Artes acolle a partir do luns unha exposición sobre a historia do teatro galego

Este luns inaugúrase na Casa das Artes a exposición "Un país desde as táboas. 125 anos de teatro galego". Con ela, o Concello de Vigo e a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta propoñen unha viaxe a través dos grandes períodos da actividade dramática galega desde o seu nacemento ata os nosos días.

venres, 21 set 2007
1190378716fonte210907.jpg
A fonte do xuramento. Francisco María de la Iglesia
A celebración teatral estivo presente desde antigo en moitos dos momentos importantes do noso calendario festivo, tanto profano como relixioso. Porén, o 13 de agosto de 1882 viviuse unha importante novidade: o modesto palco do Liceo Brigantino da Coruña acollía a primeira representación dunha peza con soporte literario e clara vocación artística, concibida desde uns presupostos diferentes dos que caracterizaban as manifestacións dramáticas populares. "A fonte do xuramento", de Francisco María de la Iglesia, convertíase así no «Primeiro drama en dialeuto gallego» e desde ese momento sería considerado o título inaugural da nosa literatura dramática.

A partir de entón, o labor dos palcos estivo directamente vinculado á construción da conciencia nacional e, cada vez que alcanzou a conectar co sentir popular, o teatro de noso constituíuse nun elemento definidor da colectividade.

Espazos

O primeiro dos seis espazos en que se articula o percorrido conságrase á parateatralidade e ao teatro popular. A continuación sucédense outros cinco apartados dedicados ao nacemento da nosa dramaturxia, as tentativas modernizadoras das primeiras décadas do século XX, a devastación da Guerra Civil, o movemento refundacional dos anos sesenta e setenta e un repaso polas últimas décadas até chegarmos ao panorama actual.

O itinerario complétase cun audiovisual que recolle documentos de especial transcendencia da nosa historia dramática. Rescatados dos arquivos ou cedidos expresamente polos propios protagonistas. Algúns destes testemuños do devir escénico do noso país ven a luz por primeira vez nesta exposición.

"Un país desde as táboas. 125 anos de teatro galego" inaugúrase este luns ás 20.00 horas e permanecerá na Casa das Artes ata o 30 de setembro, nos seguintes horarios: de luns a venres, de 18.00 a 21.30 horas; os sábados, de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.30 horas; e os domingos e festivos, de 11.00 a 14.00 horas.
Descargar todas as imaxes