Escoitar

No 2008 iniciarase a construción de tres novas galescolas e a principios de ano abrirá xa a da rúa Palencia

A secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, e o tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciaron hoxe que no primeiro trimestre do vindeiro ano abrirá as súas portas a galescola da rúa Palencia e ao longo do 2008 iniciarase a construción de tres mas, que estarán ubicadas na rúa O Grove, no PAU de Navia e no Parque Tecnolóxico. Carme Adán e Santi Domínguez fixeron estas declaracións ao remate da visita ás obras da rúa Palencia, na que estiveron acompañados polo delegado da Vicepresidencia, Francisco Verea, e polas concelleiras de Benestar Social, María Méndez, e de Igualdade, Iolanda Veloso.

venres, 21 set 2007
1190389267gales.jpg
Carme Adán salientou a aposta que desde a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar se está facendo por satisfacer a demanda de prazas de 0 a 3 anos que ten a nosa cidade. Segundo explicou, neste intre Vigo ofrece unha cobertura do 19% en prazas públicas nesta etapa e cos novos investimentos que se van facer no 2008 chegarase ao 27%. A secretaria xeral explicou que o obxectivo é acadar o 33% no 2009 o que situará a Vigo dentro dos valores que establece a Unión Europea.

A directora xeral sinalou que na construción das tres novas galescolas investirase maiss de 2 millóns de euros e adiantou tamén que a Vicepresidencia asumirá ata o 80% do orzamento que será preciso investir para rematar o acondiconamento interior e exterior do centro da rúa Palencia. Nesta primeira galescola que abrirá en Vigo investironse 660.000 euros entre o Concello e a Xunta e dará servizo a 41 nenos e nenas simultaneamente, aínda que poderá chegar a atender en total 60. Nas outras tres previstas crearanse outras 300 prazas.

O tenente de alcalde agradeceu o compromiso expresado pola directora xeral para a construción das novas galescolas. Santi Domínguez adiantou que unha vez que se poña en marcha a construción deses tres novos centros o Concello de Vigo iniciará a elaboración dun estudo para determinar as necesidades que ten a cidade e as zonas con maior demanda. Este estudo será a base para desenvolver unha segunda fase de construción de galescolas.

Santi Dominguez dixo que a apertura destes novos centros é unha medida que vai encamiñada a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas e a favorecer a igualdade de oportunidades entre os homes e as mulleres. "Ese foi o noso compromiso coa cidadanía e nesa liña na que estamos traballando", garantíu.
Descargar todas as imaxes