Escoitar

Vigo contará cun viveiro de empresas culturais dentro do proxecto "Creativa" Galiza-Norte de Portugal

Vigo acollerá un viveiro de empresas culturais e un foro sobre a industria cultural ao abeiro do proxecto transforterizo Creativa, que van desenvolver a Consellería de Cultura e a Direcçâo Regional de Cultura do Norte de Portugal cun investimento de 1,7 millóns de euros. A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, a directora da delegación de Cultura lusa, Helena Gil, e o tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentaron hoxe o proxecto, que ten como obxectivo fundamental fortalecer a cultura como sector industrial, mediante o apoio a novos creadores.

luns, 2 feb 2009
1233580478proxectocreativa.jpg
O Centro de Apoio a Industrial Cultural que se vai establecer en Vigo incluirá un viveiro de empresas culturais e realizará labores de asesoramento emrpesarial e desenvolvemento tecnolóxico. Esta iniciativa vai contar cun orzamento de 547.000 euros. O tenente de alcalde anunciou que o centro vaise abrir no Casco Vello, concretamente na rúa Abeleira Menéndez. "Este proxecto, que vai estar cofinanciado con fondos Feder, vainos permitir dar un paso máis na nosa aposta pola recuperación do Casco Vello", salientou.

A conselleira de Cultura fixo fincapé na importancia de ofrecer asesoramento técnico especializado, tanto para as empresas emerxente como para a as existentes, aspecto que será un dos piares básicos do traballo que desenvolverá o centro. Ánxela Bugallo sinalou tamén a importancia que se lle vai dar á investigación nas actividades teatrais, audiovisuais e musicais.

No marco deste proxecto contémplase tamén a celebración dun Foro da Industria Cultura, centrado na creación contemporánea. A súa primeira edición desenvolverase no último trimentre do ano na nosa cidade. O foro terá por un lado un encontro empresaril e por outro un festival no que se amose a creatividade contemporánea.

O proxecto inclúe tamén unha liña de subvención para o apoio á coprodución cultural, a edición dun catálogo cultural e unha axenda web comúns a Galiza e o Norte de Portugal.

O tenente de alcalde fixo mención á importancia estratéxica de afondar na cooperación co Norte de Portugal. "É algo do que se fala moito, pero hai que poñelo en práctica, e esta iniciativa é un feito da nosa aposta pola consolidación da eurorrexión Galiza-Norte de Portuga"l.

Descargar todas as imaxes