Escoitar

Alcalde e arquitecto presentan o proxecto do Auditorio con 1.500 butacas e a zona pública intacta

Abel Caballero e César Portela, acompañados por Santiago Pérez en representación da empresa, presentaron este venres o proxecto construtivo do Auditorio. Para adaptalo ao orzamento de 90 millóns de euros, as tres partes acordaron recortar dotación privada e manter a parte pública intacta: a gran sala con 1.500 butacas, outra menor para 500 persoas, a praza e o mirador na cuberta do edificio. Os traballos comezarán en setembro.

venres, 13 xuñ 2008
1213361973auditorio.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, o arquitecto da obra, César Portela, e un representante da Unión Temporal de Empresas encargada da construción da obra, Santiago Pérez, presentaron este venres o proxecto construtivo do Auditorio vigués, que manterá toda a dotación pública anterior, "o espazo de todos", en verbas de Portela.

Abel Caballero mostrou o seu "absoluto entusiasmo" cun proxecto que cualificou de "excepcional", "unha obra mestra", explicou. O alcalde confirmou, xunto co arquitecto, que o Auditorio albergará o concerto de Aninovo de 2011, co que "estamos cumprindo os prazos", e felicitou a César Portela polo seu traballo. As obras darán comezo en setembro, mentres que no verán se continuará coas catas arqueolóxicas, que polo de agora non obtiveron froitos, adiantou o alcalde.

1.500 butacas
O arquitecto explicou que o proxecto mantén toda a parte pública tal e como estaba, o que considera "esencial". Así, a gran sala do Auditorio permanecerá coas 1.500 prazas proxectadas inicialmente que permitirá albergar "calquera tipo de representación", con 40 metros de anchura de equipamento.

A sala menor con capacidade para 500 persoas flanquea á terraza elevada xunto cun restaurante, e comunicados por un corredor interior. Será un espazo dinámico, divisible, que se poderá utilizar "para usos múltiples", avanzou Portela, como exposicións, salas de congresos, etc. Non se viu afectada ademais a gran praza pública e a cuberta-miradoiro a 24 metros de altura.

Todas estas características permanecen intactas, informou Portela, porque "eran esenciais", así coma os materiais construtivos. César Portela manifestou estar "satisfeitísimo porque chegamos a bo porto" neste asunto, e confirmou que "imos chegar en prazos" á finalización do proxecto.

Menos parte privada
Tanto o Concello de Vigo, como a UTE e o arquitecto acordaron recortar parte privada do Auditorio para axustala ao orzamento definitivo, que ronda os 90 millóns de euros, e non prexudicar á solución definitiva.

O hotel se manterá con 120 habitacións dobres, un edificio anexo ao auditorio e conectado con este por debaixo a través dunha praza pública. Se recorta o aparcamento, que perde dúas plantas, quedando con 356 prazas. Desaparecen metros cadrados da parte comercial e unha zona de spa prevista.

A superficie total oscilará entre os 44.500 e os 45.000 metros cadrados e a máxima altura do edificio acadará os 34,80 metros.
Descargar todas as imaxes