Escoitar

O espectáculo teatral interactivo "Noites negras en Castrelos" estréase o 13 de xuño

"Na liña dos museos de todo o mundo de programar nas súas instalacións actividades nocturnas, o museo Quiñones de León acollerá dende o venres 13 de xuño o espectáculo teatral interactivo "Noites negras en Castrelos".As noites negras consistirán en cinco espectáculos nos que se realizará unha visita guiada ao pazo e os seus xardíns durante a noite, de arredor dunha hora e media de duración, un venres de cada mes, entre xuño e outubro deste ano.

xoves, 12 xuñ 2008
No espectáculo, que correrá a cargo da compañía "O roce das ás", a sorpresa e o continuo sobresalto forman parte dos seus ingredientes. Terán lugar cinco representacións, o 13 de xuño, o 11 de xullo, o 12 de setembro e o 3 e o 31 de outubro e a duración será de case dúas horas, que comezarán ás 23.45 horas e rematarán ás 1.30 horas. As entradas poranse a venda o vindeiro martes, 10 de xuño, a un prezo de tres euros no propio museo (teléfono 986 295 070), e o grupo máximo por representación, dirixida a maiores de 18 de anos ou de 14 acompañados dun adulto, será de 25 persoas.

Segundo explicou o director da compañía Pablo Sanmartín, amosarase a historia do pazo e os seus xardíns da man do marqués de Alcedo e o seu mordomo, quenes levarán aos seus invitados de visita polas instalacións do recinto. Pero serán interrompidos por un "perturbado" que pretende conseguir os seus escuros obxectivos e mentres, fan acto de presenza unha serie de misteriosos personaxes que, paralelamente ao desenvolvemento da visita, contarán unhas incribles e fantásticas historias nas que os propios visitantes serán os protagonistas.

Dende a súa estrea en no ano 2004, o espectáculo de teatro interactivo de terror "O roce das ás" leva xa máis de coarenta representacións en distintos escenarios de toda Galiza, como casas rurais, hoteis ou paradores. Tras comezar cun modesto elenco, a compañía xa conta con máis dunha vintena de actores con curriculums máis que considerados, que puxeron o seu talento e bo facer ao servizo das dúas obras experimentais de teatro interactivo de terror que manteñen na actualidade: "O roce das ás" (espectáculo clásico) ou "O roce das ás: a Investigación".