Escoitar

Programa de "master-class" no IMAXINA SONS’08

O festival de jazz "Imaxina Sons 08" ten previsto celebrar dúas sesións de "master-class" para as que os interesados poderán inscribirse a partir do xoves 12 de xuño na propia web do festival.

mércores, 11 xuñ 2008
1213185501logoimaxina.jpg
As sesións celebraranse os días 3 e 4 de xullo no Conservatorio Superior de Música de Vigo. O día 3 participará BOJAN Z ( piano) en horario de 16h. a 18 horas. O venres 4 de xullo serán os artistas MARKUS STOCKHAUSEN (trompetista) e STEFANO SCODANIBBIO (contrabaixo) en horario de 16.00h. a 19.00 horas.

Deste xeito, músicos e estudantes de escolas e conservatorios teñen a posibilidade de compartir de modo directo os coñecementos técnicos sobre os instrumentos dos mestres que participan en cada sesión, nun ambiente de investigación musical paralelo ao festival.

A asistencia ás Master-Class é de balde, pero recoméndase a inscrición previa para unha mellor organización das sesións en función do público asistente.

BOJAN Z (Bojan Zulfikarpasic)
Este pianista serbio nacido en 1968 en Belgrado e residente en Francia, está considerado un dos mellores pianistas europeos. No Imaxina Sons’08 tocará na formación de Michel Portal Unit.

Nacido nunha familia de músicos e formado desde os 16 anos no contexto local do blues e do rock, pouco a pouco desenvolve unha carreira musical que vai incorporando influencias varias: desde o jazz máis clásico e maduro ata as resonancias da tradición balcánica, ultimamente tan de moda (sobre todo na versión de Kusturica); pero tamén a música brasileira (á que o seu pai era gran afeccionado) ou mesmo os Beatles.

A súa formación complétase a partir de 1986 en Michigan (becado no Blue Lake Fine Arts Camp) e París, onde finalmente se instala e comeza a súa carreira profesional da man de coñecidos intérpretes como: Henri Texier, Louis Sclavis, Dewey Redman, David Liebman, Reggie Workman, Aldo Romano, Billy Hart, John Abercrombie, ou N'guyen Lê.

Tras ser nomeado en 1989 o mellor jazzman iugoslavo, a década dos 90 marca a explosión definitiva do talento de Bojan Z que o leva a traballar co grupo do célebre contrabaixista francés Henri Texier (o Azur Quartet.) e co clarinetista Michel Portal.

A partir dese momento, convértese en habitual dos escenarios europeos, sexa na compaña de formacións de prestixio ou co seu propio grupo, o Bojan Z Quartet (creado en 1993), ata chegar á publicación da súa obra máis madura polo momento: Solobsession (2001).En 2005 recibiu o European Jazz Prize (Hans Koller Prize) ao mellor artista de jazz europeo.
+ INFO
http://www.bojanz.com

MARKUS STOCKHAUSEN
Este trompetista fillo do célebre compositor contemporáneo Kart Heins Stockhausen deixa de tocar co seu pai en 2.001 para, como el mesmo di: "facer a miña propia música e ter o meu propio horizonte espiritual" tras vinte e cinco anos de traballo ao seu carón.

Entón é cando comeza a moverse polas augas do jazz traballando en diferentes proxectos como "Electric Treasures" onde forma trío xunto a Arild Andersen e Patrice Héral cos que xa leva dez anos tocando. "Acoustic Treasures" é un proxecto máis melódico e delicado, coa clarinetista holandesa Tara Bouman e con Mark Nauseef na batería. En "Moving rounds" traballa a dúo con Tara Bouman, ofrecendo concertos en igrexas e museos. En 2.006 recibe o premio da WDR (Orquesta Sinfónica de la Radio de Colonia) ao mellor intérprete en Alemaña

En resume, Stockhausen é un músico que se move por campos variados e que non gusta de ser encaixado.

STEFANO SCODANIBBIO
Nado en Italia en 1.956, o nome do contrabaixista Stefano Scodanibbio está asociado desde a década dos oitenta e noventa ao renacemento deste instrumento, que ven tocando nos grandes festivais do mundo.

En 1.983 funda a mostra de música "Rassegna di Nuova Musica" en Macerata (Italia) e en 1.996 comeza a ensinar contrabaixo na Darmstadt Ferienkurse.

Ademais estendeu a súa técnica ampliando novas cores no son e introducindo novidades técnicas. Na súa faceta de compositor conta cunhas corenta obras a maioría para corda (estudos, concertos, cuartetos,...

Musicalmente formou dúos con Rohan de Saram ou con Markus Stockhausen; así mesmo tamén tivo colaboracións no mundo da danza e do teatro e chegou a compor unha obra de teatro musical, en 2.006, que será representada en Roma e Ciudad de México neste próximo outono.

+ INFO:

www.markusstockhausen.com
www.stefanoscodanibbio.com
Descargar todas as imaxes