Escoitar

15 policías vixian desde este venres as infraccións medioambientais na cidade<br />

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este venres a nova Patrulla Medioambiental, especializada na inspección, control e denuncia de delitos medioambientais. Creado en colaboración coa Concellería de Medioambiente, o destacamento vixia desde os ruídos ata as emisións contaminantes e o maltrato a animais. O alcalde reiterou que esta é "unha medida máis deste goberno na protección do entorno natural".

venres, 13 xuñ 2008
1213362108patrullas.jpg
Desde hoxe venres está a operar a nova sección da Policía Local de Vigo, creada en colaboración coa Concellería de Medioambiente do Concello, para a vixilancia dos delitos contra o entorno. A Patrulla Medioambiental foi presentada este venres no monte de O Castro polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e os concelleiros de Seguridade, Xulio Calviño, e Medioambiente, Chus Lago.

A nova sección estará conformada por un total de 15 membros, trece policías e un Oficial, que serán coordinados por un Inspector Principal. Os axentes, pertencentes ata o momento ao destacamento Patrulla Rural, especializaranse na inspección, control e denuncia de infraccións ambientais, ampliando así os labores de seguridade cidadá e tráfico que viñan desenvolvendo nas parroquias do perímetro da nosa cidade.

O alcalde subliñou na presentación a coordinación existente entre os departamentos involucrados na posta en marcha e desenvolvemento da nova patrulla, e reiterou a "preocupación deste goberno polo medioambiente" e definiu esta como "unha medida máis na protección do entorno natural".

Máis medios técnicos
Para desempeñar a súa función contarán, ademais de cos medios técnicos dos que dispón a Xefatura na actualidade, cun vehículo 4x4, seis motocicletas todo-terreo e diverso material de recollida de mostras, con equipos técnicos de nova adquisición como: Pinza capturadora de réptiles, lazo capturador de cans, lector de chips de identificación canina, transportín para traslado de pequenos animais e prismáticos.

Destaca entre todos eles, non só polo importante desembolso económico que supuxo a súa recente adquisición, o Sistema para a Inspección de Ruídos de Vehículos, que permitirá cuantificar con precisión o exceso de ruído co que circula calquera vehículo a motor.

Esta nova sección presentará unha imaxe renovada e actual, desenvolvendo inicialmente campañas de vixilancia e control nos seguintes ámbitos de actuación: Centros de Tratamento Autorizados (Chatarrerías), Tendas de animais, pesca, caza, réptiles e talleres mecánicos.

Con independencia destas campañas, a colaboración e coordinación dos dous departamentos municipais, Policía Local e Concellería de Medioambiente, marcará os labores diarios dos funcionarios policiais, atendendo a requirimentos tales como o control e inspección de obras ilegais, pesca e caza furtiva, queimas ilegais, verteduras en zonas marítimas ou fluviais, emisións contaminantes, vibracións e ruídos e maltrato de animais.
Descargar todas as imaxes