Escoitar

O Concello conectará as rúas Combro e Carrasqueira en Coruxo

O alcalde sinalou que “alí imos ter unha zona dotacional na que faremos algunha obra de interese global”. A Xerencia de Urbanismo aprobará de xeito definitivo o convenio de execución e planeamento sobre as parcelas da zona 5 da Praza de España.

venres, 15 mai 2026

O goberno local inicia o procedemento de expropiación dunha parcela en Coruxo que permitirá conectar as rúas Combro e Carrasqueira, nunha actuación que servirá para xerar “unha zona dotacional na que faremos algunha obra de interese global”, sinalou Caballero.

Trátase dunha área moi próxima ao colexio público Carrasqueira, polo que o alcalde apuntou a posibilidade de dedicala ao ámbito educativo, sinalando que “seguimos desenvolvendo o plan xeral e facendo novas conexións”.

Convenios da Praza de España

Abel Caballero tamén avanzou este venres que a Xerencia de Urbanismo aprobará, o vindeiro martes, de xeito definitivo o convenio de execución e planeamento sobre as parcelas da zona 5 da Praza de España. “A cuestión máis importante é que se elimina a estación de servizo”, que se encontra entre as rúas Gran Vía e San Amaro.

Na seguinte parcela, a establecida entre San Amaro e Manuel Olivié, “haberá un edificio de vivendas e unha zona de cesión ao Concello, na parte máis próxima á Praza de España”, informou o alcalde, aclarando que “será unha zona de utilización pública”. Por último, na zona entre Manuel Olivié e Fernando Conde “mantense o edificio catalogado que hai”. Estamos, dixo, ante o “arranque definitivo e a aprobación dunhas zonas importantísimas para a mellora da Praza de España".

 

Descargar todas as imaxes