xoves, 13 novembro 2025

Caballero empraza aos asistentes do Vigo Global Summit a reencontrarse dentro de dous anos

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asistiu esta mañá á conferencia maxistral impartida por Daron Acemoğlu, Premio Nobel de Economía 2024, titulada “O progreso nun punto de inflexión: Tecnoloxía, poder e os desafíos globais”, no marco do Vigo Global Summit 2025. Tras a intervención do economista, Caballero foi o encargado de clausurar a xornada matinal deste encontro internacional, que reúne expertos, líderes institucionais e representantes do ámbito empresarial para analizar os retos da innovación e o desenvolvemento sostible. O evento conclúe esta tarde cunha programación cultural e musical, da man do monologuista Carlos Blanco e o artista Baiuca. Abel Caballero louvou ao Consorcio da Zona Franca de Vigo pola organización e por situar a Vigo no epicentro da economía mundial.

O alumnado de 5ª e 6ª de Primaria do CPR San Fermín participa no programa "Visita o teu Concello"

xoves, 13 nov 2025

Abel Caballero recibiu este xoves, no Salón de plenos do Concello, a 44 alumnos de 5ª e 6ª de Educación Primaria do CPR San Fermín que participan no programa didáctico "Visita ou teu Concello". O alumnado percorreu as instalacións dos principais servizos municipais para mellorar os seus coñecementos sobre o funcionamento da administración municipal e a súa incidencia na vida da cidadanía. O alcalde explicou ao estudantado a importancia das decisións que se adoptan no Concello para mellorar a calidade de vida das viguesas e vigueses.

Vigo ilumínase de azul polo Día Mundial da Diabetes

xoves, 13 nov 2025

Este venres, 14 de novembro, conmemórase o Día Mundial da Diabetes, unha doenza que afecta a máis de 5,1millóns de persoas, sendo unha das patoloxías máis estendidas do mundo. O Concello súmase a esta xornada iluminando de azul as fontes de Aragón este xoves 13 e mañá venres 14 de novembro.