Escoitar

O Goberno municipal dá luz verde á programación de VigoNature

A Xunta de Goberno Local aprobará o proxecto do novo espazo medioambiental da cidade que pasa de ser un “vello zoolóxico” a un modelo de educación e divulgación ambiental.

xoves, 13 nov 2025
Imaxe de arquivo de VigoNature
Imaxe de arquivo de VigoNature

“Os zoos teñen que acabarse; os animais non poden seguir en habitáculos de 50 metros. Nós xa fixemos o cambio e queremos que as rapazas e rapaces de Vigo se familiaricen cun novo concepto de Vigo Nature, de Vigo na natureza”, explicou Abel Caballero ao dar conta da aprobación do novo espazo.

O Concello cambia a denominación do antigo zoo, tendo rexistrada xa a marca Vigo Nature na Oficina Española de Patentes e Marcas co obxectivo de “pasar dun vello zoolóxico a un modelo de educación ambiental e de disfrute do medio ambiente”, apuntou o rexedor, que explicou que será un espazo para a “divulgación ambiental, de educación e sensibilización ambiental no respecto á natureza, de conservación e participación cidadá e de ocio para familias”. Haberá charlas e celebración de campamentos e obradoiros de ocio. Amais, “seguiremos atendendo a animais danados que se recuperarán en Vigo Nature antes de ser devoltos á súa contorna. Supón unha forma distinta de entender a natureza”.

Vigo Nature traballará en catro liñas de acción: 

◦ Educación e sensibilización ambiental, con accións no propio centro para diferentes niveis educativos

◦ Conservación e benestar animal

◦ Investigación e ciencia cidadá

◦ Actividades de sensibilización ambiental do Concello

Descargar todas as imaxes